GAIN comparte en Cracovia o potencial da I+D+i galega
xoves, 5 de xuño do 2025
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, participou este 5 de xuño en Cracovia (Polonia) na reunión anual de directores da Vanguard Initiative, a alianza estratéxica que agrupa a 35 rexións europeas co obxectivo de impulsar o crecemento europeo a través da colaboración interrexional en I+D+i e a especialización intelixente.
A representante da Consellería de Educación e Ciencia puxo en valor o traballo de Galicia neste eido co obxectivo de reforzar a colaboración entre rexións.
A xornada, á que asistiron representantes de alto nivel das diferentes rexións membro da Vanguard, celébrase en Cracovia coincidindo coa presidencia polaca do Consello da Unión Europea. No encontro debateuse arredor das prioridades para 2025 e de futuras actuacións da alianza co obxectivo de impulsar a innovación e a competitividade europea.
Segundo explicaron fontes de GAIN, con esta reunión “preténdese amplificar a voz dos actores rexionais en asuntos clave da política europea e garantir así que as prioridades rexionais estean ben representadas a nivel europeo”.
No cumio expuxéronse, entre outros, os resultados do mecanismo de financiamento de proxectos interrexionais de innovación, Vinnovate, posto en marcha en 2024 por esta alianza co obxectivo de promover proxectos conxuntos en temáticas de interese compartido e vencellados ás áreas de especialización intelixente de cada rexión.
Así mesmo, houbo oportunidade de tratar os detalles da nova convocatoria para 2025, que ten aberta a primeira fase ata o 15 de setembro, e abordar a incorporación de novos socios como o País Vasco. En 2024, Galicia foi a única comunidade española participante.