GAIN contabilizou case medio de cento de solicitudes das axudas de Conecta Hubs

luns, 10 de maio do 2021 Redacción

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha vídeo-conferencia de traballo

Ao abeiro da nova liña de axudas Conecta Hubs, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), recibiu un total de 48 solicitudes para financiar proxectos aliñados cos obxectivos dos Hubs de innovación dixital declarados estratéxicos para Galicia, Dihgigal e Datalife, e enfocados a mellorar os procesos de dixitalización das pemes galegas, así como a creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados.
A convocatoria, que conta cun orzamento de 6,8M€ e foi pechada o pasado 22 de abril, busca financiar proxectos colaborativos nos que participen unha agrupación de entre dúas e seis empresas galegas e orientados a resultados.
Outro requisito exixido é que os proxectos estean aliñados coas áreas de traballo dos Hubs galegos de innovación dixital: Dihgigal, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), e Datalife, liderado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), co fin de que lles permita avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da Estratexia RIS3 de Galicia.
GAIN fai saber no seu balance que dos 48 proxectos de innovación dixital que aspiran á subvención están implicadas 168 empresas galegas, das cales 150 son pemes e 18 son grandes firmas que actúan como tractoras. Todas elas pertencen ás cadeas de valor aglutinadas nos dous Hubs e que representan á practica totalidade do tecido produtivo da rexión: alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira, saúde, mar-industria, naval, automoción, TIC, téxtil, pedra e aeronáutica.

PUBLICIDADE