GAIN e CDTI mostran novas oportunidades de financiamento en I+D

mércores, 17 de setembro do 2025 S. P.

A axencia autonómica GAIN celebrou este martes 16 de setembro, no marco do convenio de colaboración do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI), unha xornada destinada a mostrar ante as entidades galegas (empresas, centros tecnolóxicos, universidades, etc.) as novas oportunidades para o financiamento de proxectos de I+D con aplicación no ámbito da seguridade e a defensa. Nela participaron a directora da Axencia Galega de innovación, Carmen Cotelo, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao.
Carmen Coteo destacou, na apertura da xornada, “o contexto de oportunidade que vivimos a nivel internacional para o sector da seguridade e a defensa e a importancia do investimento en I+D+i nas tecnoloxías duais, para levar a cabo avances científico-técnicos que permitan desenvolver solucións versátiles, con usos que poden beneficiar tanto á sociedade xeral como ser estratéxicos na defensa e a seguridade”.
Subliñou o potencial do ecosistema galego neste ámbito, que “ten demostrado un maior peso relativo que outros axentes na captación de fondos europeos e na creación de emprego”, e animou ás entidades galegas “a colaborar para optar a este novo financiamento que presenta unha importante oportunidade para reforzar as capacidades industriais, contribuír á soberanía tecnolóxica de Europa e a seguridade da cidadanía”.
Pola súa banda, o CDTI, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, presentou os seus instrumentos de apoio ás tecnoloxías duais para a seguridade e a defensa, que este ano ascenden a 500 millóns de euros, no marco do Plan Industrial y Tecnológico para la Seguridad y la Defensa do Goberno de España.
Margarita Ardao destacou as altas capacidades das empresas galegas para participar en proxectos europeos de defensa, seguridade e aeroespazo e captar investimentos neste sector, e ademais, puxo en valor a nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030 promovida pola Xunta para aproveitar as oportunidades que o novo contexto internacional ofrece ás entidades galegas. Así, precisou que se van destinar 183 millóns de euros ata 2030 coa previsión de mobilizar 900 millóns e co obxectivo de atraer cara a estes segmentos de actividade empresas doutros ámbitos estratéxicos como o naval, a automoción, o metal ou as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e materializar novos investimentos industriais.
Ardao convidou ás empresas e centros tecnolóxicos asistentes á xornada a participar no diálogo estratéxico aberto pola Xunta de Galicia para coñecer as necesidades concretas a curto, medio e longo prazo da industria coa finalidade de aliñar os instrumentos de investimento da Iniciativa cos requirimentos do ecosistema. Lembrou que o prazo está aberto ata o 22 de setembro.
Por último, celebrouse unha mesa redonda con empresas e centros tecnolóxicos con experiencia no campo das tecnoloxías duais para achegar o seu exemplo ao resto de participantes na xornada. No faladoiro participaron as empresas Maxwell Applied Technologies e Marine Instruments e os centros tecnolóxicos Gradiant e ITG.