GAIN e CEO proporcionan formación e ferramentas en innovación ás pemes ourensás

mércores, 8 de novembro do 2023 S. P.

A CEO (Confederación de Empresarios de Ourense), a través de Conecta Ourense, segue organizando actividades para fomentar esa capacidade de innovar e o potencial que teñen as empresas provinciais neste eido. Este é un dos obxectivos cos que naceu Conecta Ourense, iniciativa da Confederación apoiada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN, que desenvolve obradoiros, sesións, conferencias, foros e xornadas con contido relacionado coa innovación, os métodos para levala a cabo ou as axudas dispoñibles para implantala nas empresas.
Dentro do calendario de accións de Conecta Ourense, celebrouse un ciclo de dous obradoiros sobre Xestión da Innovación nas pemes coa colaboración do GDR 10 Limia-Arnoia nos que, entre outras cousas, os directivos das empresas puideron aprender como facer o seu primeiro plan para empezar a innovar e identificar as capacidades e recursos necesarios para instaurar un departamento de innovación. Os obradoiros fixeron fincapé “na enorme importancia da innovación en pemes e persoas autónomas nos tempos actuais, e tamén na provisión de ferramentas para levala a cabo”, sinalou a CEO.
As dúas sesións foron conducidas por Ángel Alba, experto en innovación con dúas décadas as súas costas de experiencia e traballo neste ámbito, primeiro en Procter&Gamble e logo como director dun centro tecnolóxico, ata que en 2012 fundou Innolandia, unha das consultorías de servizos de innovación de referencia en fala hispana, dende a que axudan aos profesionais da innovación a desenvolver produtos, procesos e organizacións innovadoras que melloren o mundo.
A primeira sesión, celebrada en Allariz, desenvolveu as ferramentas para deseñar un plan de innovación nunha semana, seguindo unha metodoloxía que, aplicada a cada caso particular, permite aliñar a innovación cos obxectivos do negocio para poder empezar a traballar en proxectos de impacto. Os asistentes recibiron un manual que completaron durante o propio obradoiro cos elementos básicos do plan e os recursos necesarios para poñelo en práctica. A sesión presencial completarase con asesoramento en lña durante a vindeira semana para, o día 14, celebrar unha sesión de peche na que se verán os resultados deste plan semanal para innovar.
O segundo obradoiro, celebrado na sede da CEO, contou tamén coa presenza da técnico da área de Servizos de Gaina, Elena Polo, e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, quen destacou o momento actual como “o axeitado para innovar” e “sen importar o sector, o tamaño ou a actividade, porque a innovación pódese adaptar e céntrase en explorar as oportunidades, probar, investigar e acadar resultados e, desde o inicio de Conecta Ourense o noso obxectivo final é conseguir na nosa provincia un tecido empresarial máis innovador”.
Construíndo o ADN innovador foi o lema desta segunda sesión, na que os participantes perseguiron a identificación das capacidades e procesos necesarias para innovar por parte dunha persoa, un equipo e un departamento de innovación. No transcurso do obradoiro os e as participantes realizaron diferentes diagnósticos sobre o seu ADN innovador, as capacidades de innovar dos seus equipos e as actividades dun departamento, para identificar os roles e persoas necesarias.
Durante o taller o relator presentou o seu libro Re-aprender a innovar, Manual de herramientas para innovar en un mundo loco, unha publicación que mostra como afrontar o día a día como profesional da innovación, ben desde o posto de director, xestor, consultor ou técnico, sobre todo cos cambios que atravesamos neste momento de grandes transformacións.
Estes obradoiros de innovación súmanse á extensa oferta de actividades da iniciativa Conecta Ourense da CEO que desde hai case dous anos desenvólvense para detectar o potencial innovador das pemes da provincia, e tamén para fomentar solucións innovadoras nos seus procesos e produtos e axudalas a conseguilo.

PUBLICIDADE