GAIN e Ellas Vuelan Alto reivindican o talento feminino no sector aeroespacial galego

xoves, 9 de novembro do 2023 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu esta tarde o lanzamento da nova delegación en Galicia de Ellas Vuelan Alto, asociación que busca avanzar na visibilización da muller no sector aeroespacial, unha misión na que tamén se está a traballar desde o Polo Aeroespacial de Galicia (GAIN). A directora da axencia, Patricia Argerey, participou no evento, no que moderou unha mesa redonda sobre a estratexia aeroespacial en Galicia e os seus retos de futuro e dende a que convidou ás persoas asistentes a sumarse a Ellas Vuelan Alto.
A mesa de debate contou coa participación de mulleres referentes do sector aeroespacial galego e do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia.
A asociación suma máis de 50 empresas e colaboradores así como máis de cen socios individuais en toda España.
Segundo apuntou Argerey, “Galicia conta con programas formativos con capacidade para xerar, atraer e reter talento no sector aeronáutico e aeroespacial, que ten unha gran proxección profesional”. Mencionou como exemplos o Ciclo Superior de Mantemento Aeromecánico do CIPF As Mercedes de Lugo; o grao en Enxeñaría Aeroespacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, no que un 45 % do alumnado do curso 2022-2023 son mulleres, a cifra máis alta desde o seu inicio e moi por riba da media da presenza de mulleres en carreiras STEM en España, que se atopa no 15 %; o mestrado universitario en Enxeñaría Aeronáutica da Universidade de Vigo, que habilita para o exercicio da profesión da enxeñaría aeronáutica; e o mestrado universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados da UVigo e a USC.
Ademais, engadiu, o Polo Aeroespacial de Galicia dispón dun programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, “con especial atención ás nenas e mozas”, e que inclúe actuacións como a Aula Newton permanente en Tecnópole, que este ano celebra a súa 3ª edición, e obradoiros e visitas tanto ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) como ás empresas do Parque Tecnolóxico e Industrial, por exemplo as promovidas por Avincis, que están orientadas a centros educativos de Educación Secundaria e que se retomarán no mes de decembro.
Tamén lembrou que a Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos empresariais especializados no segmento dos vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia, “consolídase como un foco de atracción para emprendedores de todo o mundo, acadando nesta 5ª convocatoria o seu teito de participación, ao recibir 144 propostas de 26 países”. Coas 12 empresas que se incorporaron a semana pasada á nova edición da BFAero son xa 42 os proxectos empresariais incubados, acelerados ou consolidados no programa, explicou.

PUBLICIDADE