GAIN e RAGC convoca a edición 2025 dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia

venres, 7 de marzo do 2025 S. P.

A Axencia Galega de Innovación e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) veñen de convocar os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2025. Estes galardóns, que chegan á súa undécima edición, queren recoñecer o traballo dos grupos de investigación e das empresas que apostan pola transferencia de coñecemento como base para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 30 de abril. As bases ao completo poden ser consultadas na web da RAGC.
Categorías
- Premio Francisco Guitián Ojea. Traballo de investigación aplicada, dotado con 5.000 euros, para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
-Premio Fernando Calvet Prats. Caso de éxito de transferencia de tecnoloxía desde un grupo de investigación a unha empresa, dotado con 5.000 €. Prémiase conxuntamente ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida e á empresa destinataria. Será válido calquera mecanismo de transferencia desde o grupo á empresa (adquisición de patente, proxecto conxunto, spin-off, etc.). O premio económico será outorgado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida.
Os beneficiarios serán investigadoras e investigadores das universidades galegas e dos centros de investigación, centros tecnolóxicos, fundacións sanitarias e demais organismos de investigación radicados en Galicia. Para optar ao premio Fernando Calvets Prats, será imprescindíbel a participación de empresas galegas ou con centro de traballo en Galicia.