GAIN e a CEO organizan este mércores unha xornada en liña sobre tecnoloxías transformadoras

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Confederación de Empresarios de Ourense van organizar este mércores pola tarde unha xornada en liña para abordar as tecnoloxías transformadoras máis actuais e con meirande proxección de futuro. Trátase dunha iniciativa dentro do proxecto Conecta Ourense da CEO, da man de GAIN, na que as protagonistas serán as ferramentas máis disruptivas das que poden botar man as empresas para mellorar a súa visibilidade, a súa competitividade ou a súa rendibilidade.
Desenvolverase en horario de 17 a 19 horas e contará coas contribucións de Patricia Fernández por parte de GAIN, e a experta en deseño e dinamización de estratexias innovadoras, Consuelo Verdú. Na conexión farase un enfoque especial na Internet das Cousas (IoT), Realidade Aumentada (RA), Sensores, Robótica e Intelixencia Artificial (IA).
A través de exemplos prácticos que “desmitifican a complexidade”, análise de estudos de caso que revelan as súas aplicacións reais e diálogos interactivos que fomentan o pensamento crítico, as participantes descubrirán as tecnoloxías que poden transformar de xeito disruptivo o negocio e como se poden integrar de forma rápida nos seus procesos para crear solucións innovadoras e sustentábeis nun mercado altamente dinámico e competitivo no que a innovación é un factor determinante para o éxito e a supervivencia das empresas.