GAIN e o tecido investigador galego perfilan a folla de ruta galega de I+D+i

martes, 3 de decembro do 2024 S. P.

Este 2 decembro celebrouse unha reunión de traballo entre a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, e expertas/os galegos en I+D cuxo obxectivo foi recoller as súas contribucións de cara a materializar o novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, cuxo obxectivo é “acelerar a transformación innovadora do ecosistema galego de I+D+i”. Cotelo subliñou a importancia de contar co apoio de axentes clave do eido innovador galego, “como as persoas participantes nesta xuntanza”, para analizar as necesidades e deseñar solucións e contribuír a que Galicia sexa un referente en materia de I+D+i.
Neste comité participan profesionais de recoñecido prestixio en ámbitos como a investigación con Ángel Carracedo (USC-FPMXG), no eido da xenética; Minia Manteiga (UDC), astrofísica e experta en divulgación científica e o fomento das vocacións científicas; Concepción Paz (UVIGO), en enxeñaría e enerxía; Senén Barro (USC), en Intelixencia Artificial; Eva Póveda (Fundación de Investigación Sanitaria Galicia Sur), en investigación sanitaria. No eido das políticas públicas e a transferencia, cóntase con Diego Puga (do Centro para a Investigación en Políticas Económicas), no ámbito da economía e as políticas públicas de I+D+i, e Paloma Domingo (directora adxunta da Fundación CSIC), en colaboración público-privada na I+D+i.
No eido da innovación e da transferencia de tecnoloxía participou Jesús Lago, director xeral de Aimen e presidente da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA). Por último, do sector empresarial están Santiago Domínguez (Mestrelab), Sonia Martínez Arca (Batea Oncology), Francisco Pino (Ancora Mobile) e Carme Pampín (GalChimia).
Como dixemos, esta reunión formou parte do proceso de elaboración do novo Plan galego de Investigación e Innovación, o instrumento de planificación operativa da Xunta de Galicia en materia de I+D+i para o período 2025-2027. Este proceso concibiuse como unha “fase aberta e colaborativa”, que contará coa participación de máis de 250 persoas en total e a celebración de 15 mesas de traballo con responsábeis públicos e representantes do ecosistema, “co obxectivo de ofrecer unha visión integradora do ecosistema de I+D+i de Galicia”. Este proceder permitiu revisar e adaptar os instrumentos do plan anterior e definir novas ferramentas que respondan ás demandas actuais, con especial atención ás pemes e aos sectores produtivos galegos, explicou Cotelo.
Os seguintes pasos, antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta no vindeiro mes de xaneiro, será sometelo á Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta e ao Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.