GAIN enxalza a traxectoria de CONGALSA cara a un modelo de produción intelixente

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.

A empresa pobrense CONGALSA, un dos grandes referentes do ámbito alimentario galego e estatal, amais de ser un exemplo en materia de transformación tecnolóxica e sustentabilidade, presentou na mañá deste 22 de setembro os obxectivos e os principais resultados do seu proxecto CONGALS4.0: Deseño e desenvolvemento dun modelo industrial 4.0 no sector da alimentación galego, unha iniciativa innovadora de produción intelixente e sustentábel que tira proveito das máis avanzadas tecnoloxías de xestión, negocio e operatividade.
Na presentación, que se celebrou en formato online, participou a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen salientou que “a transición dixital e ecolóxica do tecido empresarial galego”, en referencia ao compromiso de CONGALSA coa transformación produtiva, “é clave para impulsar a competividade”. Argerey destacou o exemplo da empresa da Pobra do Caramiñal na súa evolución cara “a un modelo de fábrica intelixente”, unha transformación “que lle vai permitir interconectar todos os os procesos, axilizar a toma de decisións estratéxicas e avanzar na integración co cliente”. Tamén enxalzou a frutífera colaboración da compañía alimentaria co Centro Tecnolóxico Gradiant, baixo un modelo de innovación aberta no que empresas e centros de coñecemento colaboran en proxectos conxuntos. Patricia Argerey apuntou que esta “é unha fortaleza de Galicia, que se sitúa como a segunda comunidade autónoma en realizar innovación en colaboración entre varios axentes”, ao mesmo tempo que puxo en valor o papel dos centros tecnolóxicos como fontes de coñecemento externo para as empresas e a súa contribución ao impulso á innovación nas empresas, especialmente entre as pemes.
O proxecto CONGALS4.0 conta co apoio da Xunta, que destinou 2,3 millóns de euros a través do programa Fábrica Intelixente e Sostible, co que se agarda mobilizar arredor de 5 millóns de euros. O programa apoiou, ata o de agora, o desenvolvemento de 24 proxectos de I+D+i con axudas por case 73 millóns, cun investimento público-privado de máis de 272 millóns de euros en sectores estratéxicos para a Comunidade e con 68 empresas e centros de investigación públicos e privados beneficiados.

PUBLICIDADE