GAIN favorecerá a contratación de máis de 100 investigadores

mércores, 7 de abril do 2021 S. P.

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha vídeo-conferencia de traballo

A Axencia Galega de Innovación rematou o mes de marzo fortalecendo o sistema investigador galego. Fíxoo actuando de cheo no seu principal activo: o persoal investigador. En concreto, abriu as convocatorias para a contratación de máis de 100 profesionais. Levarán a cabo tarefas de I+D+i en empresas e organismos. Trátase das novas edicións dos programas Principia e Talento Sénior, que están dotados con 21, millóns de euros no se conxunto. O obxectivo principal: coidar o noso talento e, tamén, o que veña de fóra.
Por unha banda, a sexta edición do programa Principia, dotada cun orzamento de 1.080.000 euros, permitirá que empresas e organismos de investigación contraten persoal técnico, mozo e cualificado, para abordar actuacións de I+D+i, prevendo a incorporación de arredor de 100 mozos e mozas de ata 35 anos de idade. Os apoios serán de 10.000 euros por contrato, que debe ter unha duración mínima dun ano e pode estar formalizado desde o pasado 1 de xaneiro e ata o próximo 1 de novembro. As entidades que o soliciten poderán ademais ser beneficiarias dun bono de formación por un importe de 1000€ por cada traballador incorporado mediante este programa. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 15 de abril.
Por outra banda, a través da cuarta convocatoria de Talento Sénior facilitarase a contratación de arredor de 14 profesionais altamente cualificados ou investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia en empresas, organismos de investigación non universitarios públicos e privados e centros tecnolóxicos. O seu obxectivo é a atracción e retorno deste persoal de alta cualificación para que continúe desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia, así como estimular a demanda no sector público e privado deste tipo de perfís para acometer proxectos de I+D+i. Os incentivos á contratación variarán entre un 40% e un 60% en función da retribución bruta, que será dun mínimo de 40.000 euros. Os contratos serán dun período mínimo de tres anos e poderán estar formalizados desde o pasado 1 de xaneiro ata o vindeiro 1 de outubro. O prazo de presentación de solicitudes, neste caso, pecha o 18 de maio.
Case 600 incorporacións
As anteriores convocatorias destes programas permitiron ata a data a incorporación de 578 profesionais cualificados (542 a través de Principia e 36 mediante Talento Sénior) a actividades de
I+D+i nas empresas e centros de coñecemento galegos, grazas a apoios por 10,4 millóns de euros que permitiron mobilizar preto de 19 millóns.

PUBLICIDADE