GAIN incrementará con VInnovate a presenza internacional do ecosistema galego de I+D+i
martes, 3 de setembro do 2024
A Axencia Galega de Innovación impulsa unha nova convocatoria para impulsar a I+D na nosa terra. Trátase de VInnovate Galicia, unha iniciativa encadrada en Vanguard Initiative, da que forma parte GAIN, e que consiste nun instrumento de financiamento pioneiro que facilita a creación de consorcios para o impulso de proxectos de I+D. A convocatoria VInnovate Galicia publicarase na primeira quincena de setembro. Este 5 de setembro celebrarase unha xornada na sede da Axencia para presentar esta nova convocatoria.
O obxectivo concreto de VInnovate Galicia é “potenciar unha maior colaboración e presenza europea e internacional dos axentes do ecosistema galego de I+D+i, promovendo a realización de proxectos colaborativos interrexionais de I+D”.
As entidades beneficiarias son as empresas (grandes, medianas e pequenas) e os organismos de investigación, que inclúen centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia
Universidades do SUG, centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas, fundacións de investigación sanitaria da nosa terra e outros organismos de investigación de Galicia nos que a I+D sexa a súa actividade principal.
Respecto das características xerais dos proxectos galegos que se poden presentar a esta convocatoria, deberan ser proxectos en colaboración (mínimo 2 entidades e máximo 4, tendo que contar, como mínimo, cunha peme e colaborar con, polo menos, outro axente dalgunha das rexións que participan nesta iniciativa da Vanguard Initiative), deberán ter un orzamento de como mínimo 150.000€. e o nivel tecnolóxico proxectos terá que estar comprendido entre os TRL 6 e 7. Ademais, os proxectos é necesario que se adscriban aos ámbitos da bioeconomía, a Intelixencia Artificial, o hidróxeno, a saúde intelixente / medicina personalizada, a fabricación avanzada para aplicacións enerxéticas offshore, a produción de alto rendemento a través da impresión 3D, os novos produtos de base nanotecnolóxica e a fabricación eficiente e sostíbel.
Quen estea interesado nesta convocatoria pode inscribirse no Infoday do día 5 de setembro na sede da Axencia Galega de Innovación e online para saber máis sobre esta nova convocatoria.