GAIN informa dos novos instrumentos financeiros para proxectos innovadores

venres, 11 de outubro do 2019 Redacción

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o IGAPE, organizou esta mañá en Santiago de Compostela un taller sobre os préstamos IFI Innova. O obxectivo deste obradoiro, no que participou a directora de GAIN, Patricia Argerey, era dar a coñecer os requisitos e características destes instrumentos financeiros innovadores, resolver as dúbidas e establecer un espazo de networking arredor deste novo instrumento de financiamento.
Os préstamos IFI Innova, previstos no Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, están dirixidos especificamente a micro, pequenas e medianas empresas que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que desexen executar un novo proxecto de I+D+i co obxectivo de mellorar a posición competitiva da empresa. En concreto, fináncianse con este instrumento proxectos de I+D+i que se atopen nunha fase de madurez próxima ao mercado e que estean aliñados cos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
A directora de GAIN contextualizou este instrumento no empeño da Xunta en concentrar os seus esforzos no ámbito da I+D+i nas PEME e nas directrices establecidas pola Comisión Europea no tocante ao investimento de fondos europeos. Argerey apuntou que «as políticas europeas van seguir afondando no investimento en innovación a través de instrumentos financeiros».
Os préstamos IFI Innova reúnen condicións máis vantaxosas que outro tipo de instrumentos como un tipo de interese reducido (Euríbor a un ano +0,10%) cunha porcentaxe de financiamento do 70% a través de préstamo e un 30% de fondos propios ou financiamento bancario; un importe de ata 500.000 euros sen garantías ata os 200.000 euros; é compatible con outro tipo de axudas en réxime de minimis; e un prazo de 2 a 12 anos, con períodos de carencia de ata 4 anos.
Na xornada participaron tamén nunha mesa redonda as seguintes empresas beneficiarias deste instrumento: Lincbiotech, spin-off biotecnolóxica da Fundación Ramón Domínguez que se constituíu en 2017 especializada no desenvolvemento de produtos sanitarios enfocados a neuroloxía; Teimas Desenvolvementos, empresa TIC que desenvolve e comercializa un software como servizo (SaS) para o sector da reciclaxe e residuos creada en 2008; e Enxendra Technologies, empresa de desenvolvemento de software que nace co obxectivo de facer máis eficientes as empresas a través da dixitalización e optimización dos procesos administrativos e comerciais creando solucións de dixitalización e certificación de documentos seguros e fáciles de usar.

PUBLICIDADE