GAIN mobiliza 3,2 millóns para contratos-programa nos nosos centros tecnolóxicos e de investigación

luns, 17 de xullo do 2017 Redacción

JPEG - 268.2 KB
Unha xornada de traballo recente celebrada no Centro Tecnolóxico Aimen

GAIN (Axencia Galega de Innovación) informou estes días da posta en marcha dunha convocatoria de axudas con 1,87 millóns de euros para novos contratos-programa cos nosos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación. Á iniciativa, que xa rematou o prazo para a achega de candidaturas, presentáronse as oito entidades que cumprían cos requirimentos establecidos. Trátase das seguintes: Aimen, ANFACO-CECOPESCA, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energylab, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o Centro Tecnolóxico da Auga (CETAQUA).
De maneira paralela, a Consellería destinou 1,34 millóns de euros á sinatura de contratos-programa cos centros de investigación sanitaria da Fundación de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez; a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Biomédica Galicia Sur, e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica,así como cos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía e do Consello Superior de Investigacións Científicas.
En total GAIN mobilizou 3,2 millóns de euros para estes contratos-programa cos que, nas súas palabras, “quérese promover a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento, impulsando tamén a colaboración co tecido empresarial para potenciar o impacto na competitividade das empresas e o crecemento da economía galega”. Ademais, engade a axencia, “a través dos contratos-programa axúdase aos diferentes centros a orientar a súa estratexia a medio prazo e potenciar as principais liñas de investigación”.

PUBLICIDADE