GAIN mostra ante os investidores da industria UAV as importantes posibilidades do Polo Aeroespacial de Galicia

martes, 21 de xuño do 2022 S. P.

A feira Expodrónica 2022, o maior evento estatal centrado nos vehículos aéreos non tripulados, acolleu este martes 21 de xuño a presentación do Polo Aeroespacial de Galicia, o proxecto impulsado pola Axencia Galega de Innovación para converter a nosa terra nun referente no sector. A encargada de dar a coñecer os detalles presentes e futuros do Polo foi a directora de GAIN, Patricia Argerey. A feira celébrase até o xoves 23 no marco do World ATM Congress, no recinto feiral IFEMA de Madrid. O obxectivo de GAIN é situar a nosa terra no punto de mira dos axentes investidores da industria dos sistemas non tripulados.
Na exposición ofreceuse “unha visión integral” da Civil UAVs Initiative relatada a través das voces dos seus protagonistas: a Administración galega, as empresas, os centros tecnolóxicos, as entidades usuarias dos proxectos de Compra Pública de Innovación e as startups.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, puxo en valor que a Civil UAVs Initiative naceu “coa mirada posta en especializar e fortalecer o sector industrial galego”. A directora sinalou que “contamos cun número crecente de integrantes do ecosistema que viñeron para quedar e seguir aumentando a súa dimensión, as súas metas e os seus servizos” e destacou “as capacidades das empresas e centros de coñecemento que participan no Polo Aeroespacial de Galicia”.
No encontro participou unha representación dos máis de 50 axentes que forman parte da Civil UAVs Initiative, como é o caso de Boeing, Babcock, Indra, Centum Research & Technology, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, Aeromedia, e Aerocámaras, entre outros.
A Civil UAVs Initiative apoia a organización de Expodrónica, cuxo teatro leva unha vez máis o nome da iniciativa galega para o desenvolvemento e consolidación dunha industria dos vehículos e sistemas non tripulados de uso civil e a súa aplicación nos servizos públicos.
Segundo explicou Argerey, no Civil UAVs Initiative Theatre ofrécese, durante os tres días de celebración do World ATM Congress, unha programación enfocada ao futuro da aviación e á integración da mobilidade aérea avanzada, xestión do tráfico de sistemas non tripulados, vehículos aéreos autónomos e remotamente pilotados ou novos sistemas de xestión do tráfico aéreo.
O Polo Aeroespacial de Galicia está presente tamén na área de exposicións deste destacado evento, onde comparte stand co Consorcio Aeronáutico Galego; e no que empresas como Indra, Seadrone, Centum, Aerocámaras, UAV Works e Lupeón amosarán os seus produtos e servizos e realizarán demostracións durante os tres días de Expodrónica.
O programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas da Civil UAVs Initiative, Business Factory Aero, manterá o prazo de presentación de candidaturas desta cuarta edición aberto ata o vindeiro 15 de agosto, dispoñendo tamén dun espazo propio na feira.
Folla de ruta
A Xunta de Galicia, a través de GAIN, xa ten en execución 84 millóns de euros no novo período de actuacións da Civil UAVs Initiative. Na actualidade están abertas dúas licitacións: unha de Compra Pública Precomercial para a selección de novos socios estratéxicos e industriais no marco do programa de I+D, para o que está previsto un investimento de máis de 50 M€, incluíndo o financiamento obtido do Plan Complementario de Biodiversidade; e unha segunda contratación para avanzar na incorporación de sistemas non tripulados aos servizos públicos galegos, na que se investirán 6,5 M€ para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras aplicadas á xestión de emerxencias sanitarias, sociais e forestais e dos recursos mariños. Asemade, adxudicouse xa o proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha licitación lanzada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e adxudicada a Indra e Boeing por valor de 12,75 millóns de euros.

PUBLICIDADE