GAIN mostra as axudas á innovación nas pemes no CIS, este 6 de febreiro

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) celebra o vindeiro 6 de febreiro, na sede do CIS Tecnoloxía e Deseño (Campus de Ferrol) unha xornada informativa para presentar as novas convocatorias de Innovación para pequenas e medianas empresas. O obxectivo desta xornada é presentar as novas convocatorias de Bonos de Innovación, Bonos Sinerxías para programas europeos, DeseñaPeme e InnovaPeme e dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das mesmas, resolver as dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre entidades.
Tamén contarase nesta xornada con casos de éxito, contados por beneficiarios desta tipoloxía de axudas a través das súas experiencias.
Ademais, as pemes sen experiencia en innovación, que desexen asesoramento poderán participar nun taller en materia de innovación, solicitándoo no formulario de inscrición.
A xornada desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, e contará coa presenza de Patricia Argerey, directora de GAIN, na benvida institucional (arredor das 10.30 horas). Finalizará cun obradoiro de asesoramento para pemes en materia de innovación. Podemos consultar o programa na web do CIS.


PUBLICIDADE