GAIN mostra o seu apoio á plataforma ZERØ de Teimas Desenvolvemento

xoves, 26 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Teimas Desenvolvemento, empresa tecnolóxica galega con sede en Santiago, vén de situarse entre as firmas beneficiadas co Préstamo IFI Innova a proxectos innovadores que conceden a axencia GAIN e o IGAPE. Teimas, que centra boa parte da súa actividade na creación e comercialización de solucións software e hardware para o sector da recuperación e a reciclaxe, é unha empresa en proceso continuo de medre e expansión, unha liña estratéxica que colle corpo, principalmente, a través de acordos con entidades e empresas interesadas en poñerse á vangarda da sustentabilidade ambiental con tecnoloxías avanzadas. Entre estas últimas sitúase a nova plataforma dixital ZERØ, desenvolvida por Teimas e, grazas ao devandito apoio de GAIN e o IGAPE, collendo impulso para o seu gran chimpo internacional.
A nova plataforma dixital ZERØ responde ao compromiso de Teimas coas contribucións innovadoras que favorezan a economía circular nas empresas. “Con esta ferramenta”, sinalan dende a empresa compostelá, “as compañías poden dar un paso máis nas súas estratexias de sustentabilidade, contribuíndo aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas”.
Este novo proxecto de Teimas será presentado en ISWA 2019, congreso internacional que se celebrará en Bilbao do 7 ao 9 de outubro 2019, enfocado na xestión sustentábel de residuos, a economía circular e a eficiencia dos recursos.
O Préstamo IFI Innova
Este financiamento establece varias categorías para os sectores prioritarios da Axencia de Competitividade Galicia Industria 4.0. Teimas concorreu nos apartados de Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos e en Servizos e desenvolvemento de software.
Segundo as bases da convocatoria, poden optar aos préstamos PEME de alicerce tecnolóxico pero tamén aquelas que, contando cunha traxectoria contrastada, desexen emprender proxectos de innovación en calquera sector de actividade. Neste último caso atópase a empresa de Santiago, co seu proxecto zerotheplatform.com.
Que é ZERØ?
Teimas cóntanos que a plataforma abrolla directamente da súa longa bagaxe en tecnoloxías avanzadas para a sustentabilidade, o que lle permitiu detectar novas necesidades e demandas dentro dun mundo empresarial que se mostra, nas súas palabras, “cada vez máis preocupado pola súa pegada ecolóxica e está comprometido con o medio ambiente”. De aí que a empresa de Santiago decidise dar o paso (“un paso de xigante”) coa materialización desta ferramenta que, basicamente, simplifica e axiliza o chimpo das empresas á chamada “economía circular”. Trátase pois dun recurso concibido para a gran empresa que busca converter a xestión de refugallos en datos cualificábeis en termos de reutilización, valorización ou reciclaxe.
“Estamos ante a solución máis ambiciosa de Teimas”, sinalan fontes da firma, engadindo que o financiamento obtido de GAIN e o IGAPE permitiralle seguir medrando: “Con este financiamento desenvolverase o potencial do proxecto ZERØ, ampliando as súas capacidades e eficacia”. Neste senso, todas as novidades que se introducirán na plataforma teñen o nexo común de axilizar o seu uso, ampliando a capacidade de control e a emisión de información aos clientes.
Entre as vertentes que máis se valoraron á hora da selección para os financiamentos, salientan cuestións propias do produto como “o grao de sustentabilidade”, a innovación, ou a estratexia comercial. Asemade, tívose en conta a súa proxección a nivel social en vertentes como a contribución de novos mercados e potenciación da exportación.

PUBLICIDADE