GAIN organizará obradoiros nas 4 provincias sobre o novo programa Nexos, que vén con 28 millóns de euros
venres, 29 de agosto do 2025
Axencia Galega de Innovación (GAIN) organiza a partir da vindeira semana unha serie de obradoiros informativos nas catro provincias sobre o novo programa Nexos dotado con 28 millóns de euros, o que supón, segundo indica a axencia, “a maior contía destinada polo Goberno galego a unhas axudas para impulsar a I+D+i colaborativa entre empresas e co apoio de centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos para a Comunidade”. As sesións levaranse a cabo en colaboración coas respectivas confederacións empresarias, cuxa sedes acollerán estes encontros.
En concreto, o 3 de setembro será a sesión de Lugo na Confederación de Empresarios de Lugo (11,00 horas na praza de Santo Domingo, 6 -2º), o 4 de setembro en Ourense na Confederación Empresarial de Ourense (11,00 horas na praza das Damas, 1), o 9 de setembro en Vigo na Confederación Empresarial de Pontevedra (11,00 horas na rúa García Barbón, 104-1) e o 10 de setembro na Coruña na Confederación de Empresarios de A Coruña (11,00 horas na praza de Luís Seoane, 1, A). Para participar é preciso rexistrarse previamente.
Nestas sesións tamén se lle facilitará ás persoas asistentes apoio para solicitar estas axudas, cuxo prazo aberto permanecerá aberto ata o 22 de setembro. Poderán beneficiarse delas as agrupacións de entre tres e seis empresas (principalmente pemes) que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. O obxectivo de Nexos, que abrangue catro anualidades ata 2028, é fomentar a cooperación a través de proxectos de I+D+i entre pemes e demais axentes do eido da investigación e innovación. A convocatoria prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios e, así, mobilizar preto de 47 millóns de euros.
Entre as novidades desta convocatoria destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas. Con ela, o Goberno autonómico quere “impulsar a competitividade do tecido produtivo galego a través da I+D+i en beneficio da sociedade”.
A tipoloxía de proxectos subvencionables poden ser de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa ou en material de procesos. Priorizaranse aqueles que se inclúan nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos para Galicia: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía ou fabricación avanzada. No caso de que o proxecto presentado non se encadre en ningún dos ámbitos estratéxicos preferentes, clasificarase en “outros ámbitos”. Deste xeito, garántase que os mellores proxectos de cada un destes ámbitos estratéxicos acaden financiamento.
