GAIN presenta un novo programa para apoiar grandes proxectos innovadores: Misións RIS3
venres, 15 de setembro do 2023
A
directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia
Argerey, presentou na mañá deste 15 de setembro o proceso
participativo de identificación das Misións RIS3, un novo
instrumento da Xunta para apoiar grandes proxectos de I+D+i e
investimento produtivo con alcance estratéxico, capacidade tractora
sobre o ecosistema de innovación e con potencial transformador sobre
a economía e a sociedade galega.
Nunha
xornada celebrada en Santiago de Compostela ante máis dun cento de
asistentes, Argerey informou de “que serán as empresas, centros de
coñecemento, Administración e sociedade quen definan estas Misións
ao longo das vindeiras semanas co obxectivo de orientar a
investigación e a innovación cara a solución dos problemas da
industria e da sociedade galegas, a partir dos ámbitos de
priorización definidos na Estratexia de Especialización Intelixente
de Galicia (RIS3)”.
Estas
Misións, engadiu, “terán enfoque de cadea de valor, é dicir,
todos os sectores están chamados a contribuír a elas, e todo tipo
de axentes do ecosistema galego de innovación en todas as etapas da
I+D+i”.
Ademais,
as Misións seleccionadas ao longo das vindeiras semanas, a través
de mesas de traballo organizadas en tres fases, orientarán a
primeira convocatoria deste programa, dotada con 15 millóns de
euros, que previsiblemente se publicará no vindeiro mes de decembro.
A
convocatoria de Misións RIS3 apoiará grandes proxectos tractores
que contribúan á consecución das metas establecidas para cada
Misión. Os destinatarios desta convocatoria serán grandes
consorcios, cun mínimo de seis entidades público-privadas, cun
orzamento mínimo de 1 millón de euros e unha duración de tres
anos.