GAIN presentou en Bruxelas as estratexias autonómicas para atraer talento científico

xoves, 14 de marzo do 2024 S. P.

GAIN presentou esta mañá a súa estratexia para a atracción, retención e retorno do talento científico aos asistentes ao I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro (FIGAE), que se celebrou en Bruxelas organizado por Investigal, a Rede Galega pola Investigación, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e co apoio da Embaixada de España en Bélxica.
A primeira edición de FIGAE reuniu preto de 50 investigadoras e investigadores de orixe galega que desenvolven a súa carreira profesional no exterior, co obxectivo de establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de desenvolver unha carreira na Comunidade. Así mesmo, FIGAE serviu para dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta, as universidades galegas e outros axentes e visibilizar as oportunidades de retorno de talento.
Durante o evento, GAIN participou nunha mesa redonda sobre a estratexia de política científica, xunto a representantes da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo. Nesta intervención déronse a coñecer as distintas iniciativas de atracción do talento do ecosistema galego de I+D+i. Ademais desta mesa redonda, organizáronse outros relatorios como Oportunidades de financiamento do ERC, a cargo de José M. Fernández de Labastida, xefe do Departamento Científico do European Research Council (ERC) e unha charla coloquio sobre igualdade, internacionalización e carreira investigadora.
Durante as dúas xornadas de FIGAE leváronse a cabo varias charlas divulgativas sobre os proxectos científicos que desenvolve a comunidade investigadora galega no exterior. A clausura correu a cargo de Felipe Criado, director do INCIPIT (CISC) e Premio Nacional de Investigación, quen explicou os avances do proxecto XSCAPE, un estudo das interaccións entre o cerebro preditivo, os artefactos culturais e a exploración visual, que obtivo unha Synergy Grant.
No dito marco GAIN destacou iniciativas de atracción de talento como o decreto que regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación nos organismos de investigación dependentes da Administración galega, unha norma que en palabras da axencia “ofrece un marco laboral estábel e atractivo para este colectivo, mellorando e homoxeneizando as condicións destes profesionais e creando unha senda de desenvolvemento profesional para o persoal de investigación”.
Así mesmo, o Programa Oportunius ofrece oportunidades para desenvolver unha carreira científica de excelencia en Galicia, complementando as axudas do ERC e reforzando as opcións de acceso ás mesmas. Esta iniciativa conta coa colaboración do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde a súa posta en marcha, Galicia conta con 38 proxectos financiados polo ERC, todos eles apoiados polo Programa Oportunius, e dos cales 17 foron contratados como persoal investigador distinguido Oportunius. Ademais, está previsto que a Xunta resolva unha nova contratación e convoque tres prazas máis no marco desta iniciativa na primeira metade de 2024.

PUBLICIDADE