GAIN quere encher o mercado de investigación galega coa terceira edición de Ignicia

mércores, 24 de febreiro do 2021 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou este 24 de febreiro na xornada online de presentación da terceira convocatoria do programa Ignicia. Segundo fixo saber, o obxectivo desta iniciativa é “acelerar e mellorar os resultados dos procesos de transferencia tecnolóxica para que cheguen á sociedade” e “contribuír á rendibilización económica e social do investimento público en investigación”. Segundo engadiu, a través desta liña de axudas prevese apoiar sete proxectos cun investimento asociado de arredor de 400.000 euros por cada un.
Tamén lembrou que Ignicia púxose en marcha no 2016, da man de GAIN e en colaboración coa Fundación Barrié. Desde entón, dixo, ten permitido financiar un total de 16 proxectos, cun investimento global de 7 millóns de euros, e deu lugar á creación de sete novas spin-off, oito acordos de licenza e tres acordos de investimento por 2,75 millóns de euros. Ademais, durante o seu desenvolvemento, “os proxectos apoiados polo programa Ignicia implicaron a creación ou mantemento de 123 empregos de alta cualificación nas entidades beneficiarias”, explicou.
Na xornada interviron tamén técnicos de GAIN e da Fundación Barrié para explicar as características da convocatoria e representantes de dúas novas empresas nacidas co apoio de Ignicia, Diego Nodar de Alén Space e Senén Barro de Inverbis Analytics.
No tocante á convocatoria actual, dotada con 2,8 millóns de euros e cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 22 de marzo, a directora de GAIN apuntou que está previsto que apoie sete proxectos cun investimento de arredor de 400.000 euros por proxecto.
Os proxectos deberán ser promovidos por un organismo público ou privado de investigación con sede en Galicia: universidades do sistema universitario galego, fundacións sanitarias, centros tecnolóxicos ou centros do CSIS e do IEO en Galicia e ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade, con potencial comercial e de xeración de retornos económicos.
Ademais do apoio económico, Ignicia ofrece aos seus beneficiarios asesoramento e contacto con potenciais socios ou clientes e acompañamento durante todo o proceso de comercialización. Esta iniciativa tamén pon en valor as tecnoloxías galegas máis relevantes desde un punto de vista científico e de negocio e apoia tanto a creación de empresas tecnolóxicas que poidan competir a escala global como a transferencia por medio de licenzas aos actores máis relevantes do sector.
Os proxectos pasan por un proceso de avaliación en dúas fases no que participa un panel de expertos internacionais de Oxentia, a empresa de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, xunto con expertos da Fundación Barrié e de GAIN. Entre outros aspectos, realízase unha análise do nivel da ciencia que hai detrás de cada proxecto e especialmente, do grado de capacidade e compromiso do equipo promotor para a comercialización dos resultados do proxecto.
O investimento ao que acceden os proxectos seleccionados realízase mediante a figura da achega patrimonial onerosa, “para financiar os custos derivados de levar a tecnoloxía ao mercado de acordo cos fitos marcados nun plan de desenvolvemento e comercialización”, explicou Argerey, engadindo que “os beneficiarios deberán reintegrar parte dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento ou procedementos, entre outros”. Así, os retornos que a Xunta vaia obtendo dos proxectos apoiados volveranse empregar para o investimento de novos proxectos.
Actividades de capacitación
De xeito complementario á convocatoria, o programa Ignicia, que no seu conxunto conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros, inclúe tamén actividades de capacitación, valorización e comercialización de resultados da I+D, orientadas a estimular a detección de novos proxectos de transferencia, así como a formar e incorporar aos centros de coñecemento profesionais con formación científica capaces de definir estratexias de comercialización de resultados.
Actualmente están en marcha dous cursos de formación, un destinado a persoal investigador que comeza a vindeira semana e que ofrecerá capacitación en competencias transversais de transferencia e outro dirixido a xestores de transferencia, que completará o programa formativo no ámbito da xestión da propiedade industrial e intelectual e ofrecerá un servizo de asesoramento para a preparación do caso práctico aos xestores que dispoñan da puntuación suficiente para tramitar a certificación RTTP e cuxo prazo de inscrición abrirá proximamente. Ambos cursos están impartidos por expertos da empresa Oxentia, vencellada á Universidade de Oxford.
Un dos obxectivos do programa Ignicia é contar con 35 profesionais certificados a nivel internacional no ámbito da transferencia de coñecemento.
Nas activades de capacitación realizadas desde 2019 ata agora participaron máis de 150 xestores de transferencia e 18 investigadores vinculados a universidades, centros tecnolóxicos, o CSIC e o sistema galego de saúde.

PUBLICIDADE