GAIN reforza ao seu apoio ás empresas aeroespaciais cunha nova convocatoria de BFAero

venres, 5 de abril do 2024 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) reforzou o seu apoio e compromiso co crecemento e internacionalización de empresas emerxentes do sector aeroespacial con proxectos disruptivos. Fíxoo cunha nova convocatoria do itinerario de consolidación da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia, cuxos detalles foron presentados este venres 5 de abril pola directora da axencia, Patricia Argerey, nunha visita á sede de Arzeos Aircraft, empresa apoiada no itinerario de incubación da quinta entrega de BFAero.
Segundo fixo saber, ata o 14 de maio ás 14:00 horas, empresas de ata 7 anos de antigüidade cunha proposta innovadora, especialmente no segmento das tecnoloxías de sistemas non tripulados, poden presentar a súa candidatura na web www.bfaero.es, onde tamén poden consultarse as bases da convocatoria.
As tres empresas que resulten seleccionadas beneficiaranse dun completo programa de apoio de seis meses de duración que contempla a mentoría por parte de profesionais e empresas do sector, como Airbus, Avincis e Telespazio; a formación, a asistencia a feiras especializadas, apoio económico de ata 30.000 euros en axudas, acceso ás infraestruturas e servizos do ecosistema aeroespacial de Galicia cun bono de ata 10.000 euros, e financiamento de ata 250.000 euros de Xesgalicia.
Ademais, Argerey salientou que as empresas seleccionadas terán a oportunidade de conectar con outros emprendedores, institucións e potenciais investidores coa súa incorporación ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, do que xa forman parte máis de 100 axentes, unha oportunidade única para fomentar a colaboración e o intercambio de ideas.
Arzeos Aircraft
Patricia Argerey anunciou o lanzamento desta nova convocatoria nunha visita a Arzeos Aircraft, en Silleda, onde coñeceu da man dos seus promotores o innovador prototipo de aeronave ultralixeira desta empresa, que será presentado internacionalmente a finais de mes na feira Aero Friedrichshafen en Alemaña.
Arzeos Aircraft está participando no itinerario de incubación da 5ª edición da Business Factory Aero, onde recibiu 40.000 euros de apoio económico directo. O seu proxecto está centrado no deseño e fabricación desta aeronave ultralixeira que incorpora novos mecanismos de seguridade pasiva e innovacións en materia de aerodinámica e ergonomía, que supoñen unha mellora na operación de voo e na seguridade dos ocupantes. Trátase dunha avioneta deseñada e construída integramente en Silleda.
Ademais, foi unha das 126 financiadas no programa NEOTEC 2021 do CDTI, que apoia a empresas de recente creación con proxectos tecnolóxicos con gran potencial de crecemento, onde competiu con solicitudes de todo o territorio español; e acaba de obter unha axuda a novas firmas innovadoras do IGAPE, que apoia a emprendedores innovadores cubrindo investimentos e gastos de lanzamento e consolidación dos proxectos. Tamén obtivo a certificación de Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica da Xunta de Galicia en 2019, no ano da súa creación.
Balance BFAero
Un total de 42 proxectos empresariais incubáronse, aceleráronse ou consolidáronse nas cinco edicións da Business Factory Aero, desde o seu inicio ata a actualidade. En concreto, 15 en itinerario de incubación, 21 en aceleración e 6 en consolidación, ás que se sumarán as tres que se seleccionarán nesta nova convocatoria que hoxe se lanza.
Os proxectos das cinco primeiras edicións da BFAero, que ten a súa sede central en Lugo, xeraron 182 empregos; mobilizaron un investimento de 2,78 M€ (propio, de XesGalicia e de investidores externos); e rexistraron unha facturación conxunta de 6,54 M€ desde o inicio do programa en 2019. Catro delas obtiveron a certificación ENISA (Acre, Aguia, Anduriña e Proteus).

PUBLICIDADE