GAIN reivindica a Galicia cuántica no evento portugués Aveiro Tech Week

venres, 4 de outubro do 2024 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, participou este venres 4 de outubro, xunto a outras autoridades de Portugal, investigadores da Península e representantes da Comisión Europea, no I Encontro Ibérico de Comunicacións Cuánticas, celebrado en Aveiro, no marco da Aveiro Tech Week 2024. No encontro debateuse sobre o estado das comunicacións cuánticas, as capacidades de ambos ecosistemas (galego e portugués) e as oportunidades de colaboración futuras.
Cotelo salientou na apertura do encontro “o compromiso do Executivo galego co impulso ás tecnoloxías cuánticas e ao seu ecosistema, unha aposta que se materializa en múltiples investimentos e actuacións enmarcadas no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia”.
Entre outras actuacións, Cotelo destacou a posta en marcha do computador cuántico Qmio no CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), un dos primeiros de Europa e o máis potente de España e do Sur de Europa en institucións públicas, e a despregadura dun enlace de comunicacións cuánticas de longa distancia entre as cidades de Santiago de Compostela e Vigo, interconectando o CESGA e o Vigo Quantum Communication Center, no marco do Plan complementario de comunicacións cuánticas.
Carmen Cotelo subliñou tamén “as capacidades do ecosistema galego de I+D+i en cuántica e as boas relacións con Portugal no ámbito da investigación e da innovación, especialmente no eido das comunicacións cuánticas, como amosa este primeiro encontro ibérico, un factor que facilita as posibles colaboracións futuras nestas tecnoloxías”.
A directora de GAIN tamén dixo que “a aposta de Galicia polas tecnoloxías cuánticas persegue converter á nosa Comunidade nun referente a nivel internacional no horizonte do 2030 e contribuír á atracción de talento, á excelencia do noso sistema de ciencia e tecnoloxía, mellorar a competitividade das nosas empresas e a aceptación social destas tecnoloxías”.