GALPon festexa dende Mugardos o Día da Liberdade do Software coa versión final de PicarOS Diego 2013

mércores, 25 de setembro do 2013 Redacción

Entre as moitas actividades celebradas os días pasados en Mugardos, con motivo do Kernel 2013 que organizou O Zulo, incluíuse unha que xa levaba días facendo ruído na Rede e sendo moi ben acollida polos seareiros galegos da programación aberta e polos usuarios das TIC en xeral. Falamos da presentación da versión final de PicarOS Diego 2013, que veu da man dos responsábeis principais da criatura: os membros da asociación GALPon. O colectivo fixo en Mugardos o lanzamento oficial coincidindo co Día da Liberdade do Software, de aí que o sábado 21 de setembro ás 00.00 horas tiveramos xa dispoñíbel o programa para descargar de xeito directo ou con formato torrent. Para quen queira afondar un pouco nas vantaxes de PicarOS Diego, dicirlle que xa hai habilitado un vídeo de presentación.
Como dixemos os días pasados, o programa presentado vai encamiñado a dar servizo aos máis pequerrechos, cativos de entre 3 e 12 anos aos que en virtude deste recursos facilítaselles o emprego do computador, tanto para o seu lecer como no referente aos seus deberes. O pasado 7 de setembro informábase de que a distribución GNU/Linux para nenos MiniNo PicarOS 2013 enfiaba xa a súa recta final coa publicación da súa versión PicarOS Diego RC, proceso que finalmente chegou ao seu remate. O resultado foi presentado esta fin de semana dende Mugardos por Miguel Bouzada (GALPon), poñendo a disposición de toda a comunidade a imaxe ISO da versión final.
Cómpre dicir que esta distribución -amais de emprestar especial atención ao deseño, facilidade de uso e intuitividade- conta con gran variedade de programas libres para a edición gráfica, multimedia, ofimática, xogos e programas educativos. A listaxe completa de ferramentas pódese consultar na web do proxecto.
Como toda nova versión, esta tamén achega moitas novidades, entre outras: engádese un sistema de nube persoal con BitTorrent Sync para sincronizar cartafoles con calquera outro equipo ou teléfono intelixente. Esta nube non depende de ningún servidor externo, os ficheiros alóxanse nos equipos sincronizados, polo que só as persoas autorizadas acceden a eles co que nunca se perde o seu control. Para acceder dende PicarOS a este sistema faise dende o navegador na ruta localhost:8888. Amais creouse un mini aplicativo (con icona na área de notificación) para activar/desactivar, acceder á páxina de compartición/configuración (no navegador) e supervisar os últimos elementos engadidos á sincronización. Engádese gobohide (activado de xeito predeterminado na instalación, non así en vivo) para agochar todos os directorios e ficheiros sensibles da vista dos pequenos, para evitar calquera manipulación indebida...

PUBLICIDADE