GPUL organiza unha sesión formativa sobre Markdown na FIC

luns, 4 de maio do 2026 Redacción

O vindeiro 7 de maio ás 18:30 horas terá lugar unha nova actividade formativa centrada en Markdown, unha linguaxe sinxela e cada vez máis empregada para a creación de documentación e apuntes estruturados. A sesión desenvolverase no Laboratorio 0.3 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña.
A proposta, incluída no programa GPUL School, ten como obxectivo introducir ás persoas asistentes no uso básico de Markdown, ao tempo que se exploran ferramentas complementarias que amplían as súas posibilidades. Entre elas abordarase Logseq, unha aplicación orientada á toma de notas e organización do coñecemento.
A actividade está concibida como unha introdución práctica para quen queira mellorar a calidade e a organización dos seus documentos, tanto no ámbito académico como profesional. O evento terá unha duración aproximada de hora e media.