GPUL remata a nova edición dos seus Labs cunha introdución a Flutter

martes, 22 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Este 24 de maio remata no viveiro de empresas Accede Papagaio da Coruña a serie de conferencias, obradoiros e charlas de GPUL Labs do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, máis concretamente a serie deste 2018, que anunciamos en febreiro deste ano dende Código Cero salientando os seus obxectivos fundamentais (crear máis recursos libres, mellorar os que xa hai e, tamén, acrecentar a gran comunidade galega de usuarias e usuarios) e o seu carácter multidisciplinar (cunha manchea de cuestións a tratar e dirixíndose a estudantes e profesionais dos máis variados eidos de actividade).
A sesión desta semana, titulada Introdución a Flutter será impartida por Fernando Souto, desenvolvedor de aplicacións móbiles en MOBGEN. Fernando, segundo puidemos saber, fará unha introdución a Flutter, un framework libre desenvolvido por Google que nos pode axudar na xeración de aplicacións móbiles en múltiplas plataformas dunha forma sinxela e rápida. Neste obradoiro realizarase unha introdución práctica á dita contorna de traballo desenvolvendo de maneira colaborativa un exemplo práctico. Quen queira participar xa pode inscribirse na páxina de Meetup do evento.

PUBLICIDADE