GTA V e GTA Online por fin teñen versións para as consolas de nova xeración

martes, 15 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Os posuidores dunha consola PlayStation 5 ou Xbox Series X|S dan hoxe a benvida de novo a Grand Theft Auto V e GTA Online, xogos que veñen de adaptarse ás máquinas de nova xeración con numerosas melloras e actualizacións tanto para novos xogadores como para veteranos, convidándoos aos explorar Los Santos e o condado de Blaine co meirande nivel de detalle da historia.
Os xogos presentan agora tres modos de gráficos detallados que permiten personalizar a experiencia de xogos e ofrecen resolucións de até 4K, 60 imaxes por segundo, opcións HDR, trazado de raios, melloras na calidade das texturas e moito máis; aínda que moitos xogadores agradecerán máis o aproveitamento das tecnoloxías de carga rápida, que facilitan un acceso á acción case instantáneo.
O audio tridimensional tamén entra en xogo, ofrecendo unha experiencia máis inmersiva e, no caso da PlayStation 5, incorpóranse a compatibilidade con DualSense, de xeito que o mando da consola aproveita as funcións de resposta háptica e resistencia dinámica dos seus gatillos adaptativos.

Creador de profesións

Os xogadores que dean os seus primeiros pasos en GTA Online nas consolas de nova xeración poderán acceder ao creador de profesións, que os axudará a acceder ao mundo de GTA Online con ferramentas para ascender de estafador de rúa a capo dun imperio criminal. Para iso hai que escoller unha das 4 opcións profesionais (executivo, traficante de armas, propietario dun club nocturno ou moteiro) e elixir unha seleción de propiedades, potentes vehículos e armamento para pór en marcha un negocio propio. O creador de profesións tamén estará dispoñible para quen queira reiniciar o seu personaxe de GTA Online.

Novo menú

GTA Online tamén renova o seu menú principal para axilizar o acceso ás actualizacións máis populares e máis recentes, permite iniciar rapidamente carreiras, golpes e modos Advesario, pasa directamente ao modo Libre e permite consultar os eventos semanais.

Transferencia de perfil

Os xogadores cunha conta do Social Club de Rockstar Games pode agora transferir de xeito doado o que perfil de GTA Online dende PlayStation 4 ou Xbox One a PlayStation 5 ou Xbox Series X|S, incluíndo personaxes, GTA$, progreso, estatísticas, vehículos, propiedades, armas, roupa e actividades creadas polo usuario.
Os usuarios poderán optar a transferir o seu perfil dunha consola anterior a primeira vez que accedan a GTA Online, aínda que cómpre advertir que tal operación elimina o perfil da conta de PS4/Xbox One, polo que é preciso crear outro de querer seguir xogando na plataforma orixinal.

Vídeo no que dan conta das novas versións de GTA V e GTA Online

PUBLICIDADE