GTA V recibirá unha actualización de balde o 4 de marzo

xoves, 20 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Mentres seguimos sen saber a data de lanzamento do Grand Theft Auto VI (que debería ver a luz este mesmo ano) dende Rockstar Games anuncian unha atractiva actualización de balde para Grand Theft Auto V para PC, que estará dispoñible o 4 de marzo e que inclúe características moi solicitadas que antes só estaban dispoñibles nas versións de GTA Online para PS5 e Xbox Series X|S (como o software antitrampas a nivel de kernel e o sistema proactivo de moderación de chat de voz). Estas inclúen vehículos e melloras de rendemento dispoñibles en Hao’s Special Works, animais salvaxes, acceso a comprar unha subscrición a GTA+, así como un novo nivel de fidelidade gráfica, tempos de carga máis rápidos e moito máis.
Todos os xogadores que dispoñan dunha copia de GTA V para PC poderán actualizar o xogo á nova versión totalmente de balde, amais de contar coa opción de transferir o progreso dos modos individual e Online.
Esta nova versión de Grand Theft Auto V incrementa as especificacións mínimas para poder gozar do xogo, de aí que vaia estar dispoñible a versión anterior para os usuarios que non conten cun equipo potente dabondo para poder tirar proveito das melloras incorporadas.

A actualización engadirá vehículos como os supercoches Coil Cyclone II e Pegassi Ignus armado , o bólido Imponte Arbiter GT, o deportivo Karin S95 e o todocamiño Pfister Astron personalizado.