GTA VI estrea o seu segundo tráiler

martes, 6 de maio do 2025 Marcus Fernández

Tras a decepcionante nova de que Grand Theft Auto VI non chegará a consolas até o 26 de maio de 2026, Rockstar Games sorpréndenos cunha sorpresa moito máis agradable: o segundo tráiler de GTA VI.
O novo vídeo, capturado na versión para PlayStation 5 do xogo, preséntanos ao protagonista masculino, Jason Duval, quen vai recoller á cadea á súa compañeira, Lucía Caminos, para iniciar unha nova traxectoria vital na que mesturan romance con secuencias de acción trepidante, polo que semella que estaremos ante unha historia ao máis puro estilo de Bonnie e Clyde.
Grand Theft Auto VI convidaranos a percorrer Vice City unha vez máis, realizando distintos golpes, mentres se desenvolve unha conspiración criminal no estado de Leonida que suporá todo un reto para a supervivencia dos protagonistas.
Agora tamén podemos ver (con grande detalle na páxina web oficial do xogo) a outros personaxes como Cal Hampton (un amigo de Jason), Boobie Ike (un triunfador local), Dre’Quan Priest (un delincuente amante da música), Real Dimez (nome artístico das influentes Bea-Luxe e Roxy), Raúl Bautista (un atracador de bancos) e Brian Heder (un narcotraficante), para facernos unha idea da riqueza de contidos que teremos unha vez que este agardado título de Rockstar Games se faga unha realidade.

Segundo tráiler de Grand Theft Auto VI