GTA VI podería non ter edición física de lanzamento

luns, 26 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

O medio polaco PPE achega un rumor que pode resultar pouco alentador para os afeccionados ás edicións físicas de videoxogos, pois dan conta de información recibida dun filtrador de confianza (cunha elevada taxa de acerto), quen aseguraría que Take-Two non ten previsto que Grand Theft Auto VI teña edición física de lanzamento, para evita que se filtren contidos narrativos e material do agardado xogo.
Temos así que o xogo chegaría inicialmente a consolas en formato descargable, mentres que a edición en disco tardaría máis en chegar ás tendas, quedando por definir se falamos dun adiamento dunhas poucas semanas ou incluso deixando a edición en caixa do xogo para o ano que vén.
En calquera caso, o feito de que edición física non estea dispoñible de lanzamento podería supor unha caída moi importante das vendas en tal formato, que xa de por si está en retroceso. De feito, xa con Grand Theft Auto V os ingresos recibidos pola venda de copias físicas son case residuais, non só porque se disparasen as vendas en dixital, senón porque a meirande parte dos cartos que xera o produto proveñen dos micropagamentos, polo que o xogo incluso podería resultar moi rendible de ofrecerse de balde (de feito, estivo presente nos servizos de xogos por subscrición en numerosas ocasións).