Gabriel Alén comproba as transformacións informativas da Praza de Abastos de Vilanova

venres, 3 de xaneiro do 2025 S. P.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou este 3 de xaneiro a Praza de Abastos de Vilanova de Arousa, da que destacou, durante a súa estadía, o carácter dinamizador do Mercado a prol do comercio local. Lembrou que o dito inmóbel foi un dos beneficiarios da última convocatoria de achegas para levar a cabo, tanto accións necesarias para a obtención do selo Mercado Excelente, como melloras nos mercados, co fin de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.
Nela resultaron beneficiarios 28 municipios e 19 asociacións e federacións de prazas de abastos, entre elas a de Vilanova de Arousa, para a dinamización comercial e mantemento das súas webs de venda electrónica. No mercado deste municipio instalouse unha pantalla para proxectar co apoio da Xunta contido dinamizador e a prol do consumo local. Gabriel Alén salientou “a importancia de iniciativas coma esta para atraer a clientela nova a este tipo de instalacións aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías” e lembrou “que os mercados de abastos terán un importante papel dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se presentará no primeiro trimestre deste ano”.