Gadis lanza un concurso en TikTok para impulsar o uso do galego entre a mocidade
xoves, 13 de xullo do 2023
Supermercados
Gadis vén de lanzar a iniciativa Orixe Zeta, a primeira edición do
Concurso Gadis de Nova Creatividade Galega. Fíxoo no marco do
convenio asinado coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de
Cultura (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e co foco
posto nas redes sociais, concretamente nun dos servizos de
comunicación máis empregados na actualidade polas novas xeracións:
a rede TikTok. O obxectivo é “promover o emprego do galego entre a
mocidade, ademais de poñer en valor o seu talento creando contidos
orixinais neste idioma nas súas redes sociais”.
Esta
iniciativa está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, que
deberán publicar un vídeo orixinal en galego de menos de 60
segundos en TikTok. Terá que encaixar nalgunha das seguintes
disciplinas: música, poesía, creatividade audiovisual ou
creatividade gráfica e compartilo na páxina web da iniciativa.
O
prazo para participar neste concurso xa está aberto ata o próximo
17 de setembro.
O
xurado elixirá dous gañadores: para o vídeo co mellor contido e
para o que goce de mellor calidade técnica. Serán agasallados cun
iPhone® 13, Midnight 128 GB e uns airpods. Entre o resto de
participantes, sortearanse 10 vales de compra por valor de 50 euros
para utilizar nos establecementos Gadis.
O
desenvolvemento deste concurso enmárcase no compromiso de Gadis coa
cultura galega dando continuidade no tempo ás accións que leva a
cabo ao fío do Día das Letras Galegas. Para achegarse á xeración
Zeta, elixiu levar a cabo esta iniciativa nunha das plataformas
dixitais que máis empregan no seu día a día, de xeito que poidan
expresar o seu talento utilizando este idioma. “Pretendemos tamén
propiciar un espazo inspirador, no que se sintan valorados por amosar
a súa creatividade no idioma propio”, sinalan fontes da empresa
galega, engadindo que esta acción súmase ao recente lanzamento do
4º Concurso de Microrrelatos de Gadis, coa natureza como tema
central (co prazo de participación aínda aberto, ata o 31 de
agosto, para enviar textos breves en galego ou castelán).