Gadis rende tributo ás cantareiras cun proxecto artístico con dez ilustradoras e escritoras que poderá descargarse da Rede

venres, 9 de maio do 2025 S. P.

O grupo alimentario galego Gadis presentou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as accións que leva a cabo para conmemorar o Día das Letras Galegas neste 2025, en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua. A cadea de supermercados rende a súa propia homenaxe ás cantareiras en Foliada!, un orixinal proxecto artístico para o que reuniu a cinco escritoras e a cinco ilustradoras de Galicia. Estas plasmaron na iniciativa a súa particular visión da cultura popular galega.
Esta edición especial consta de cinco láminas, que combinan literatura, música e ilustración e recóllense nunha caixa deseñada a modo de vinilo musical.
Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Solar, María Lado e Esther F. Carrodeguas son as autoras “desta visión moderna das históricas cantigas, que se transmitiron de xeración en xeración, fundamentalmente, de forma oral”, explicaron fontes de Gadis, engadindo que “en cada lámina recóllese unha composición tradicional, o texto coa interpretación contemporánea e unha ilustración, obra das artistas Laura Tova, Laura Mahía, Xoana Almar, María Montes e Iria Fafián”.
Gadis regalará 30.000 unidades de Foliada!, ata fin de existencias, nos supermercados de Galicia o vindeiro venres 16 de maio. Repartiranse 40.000 bolsas da compra de papel reciclado cunha chiscadela ás figuras das Letras Galegas homenaxeadas este ano: as pandeireteiras de Mens, Adolfina e Rosas Casás, e Eva Castiñeira.
Ademais, na web www.gadisletrasgalegas.gal pódense descargar a versión dixital das láminas e escoitar as pistas musicais cedidas, entre outros, polo Museo do Pobo Galego.
“Quero destacar o papel de Gadis na súa implicación e compromiso coa nosa cultura, é importantísima esa conexión entre a actividade económica e o ámbito social”, declarou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, neste evento cultural presentado pola periodista Susana Pedreira, que tamén reuniu no CGAC ao secretario Xeral da Lingua, Valentín García, así como ao director de Comunicación de GADISA Retail, José Luis Fernández Astray, á directora de Marketing e RSC, Melisa Pagliaro, e á coordinadora de Marketing Dixital e Contidos, Alexandra Kuntz, entre outros.
Durante o acto realizouse un percorrido polas iniciativas predecesoras a Foliada!, coas que conmemoraron os últimos anos o Día das Letras Galegas. Accións con recoñecemento internacional entre as que se atopan unha antoloxía de poetas noveis, versos de artistas galegos nas rúas de diferentes vilas e cidades, un fanzine e un caderno de actividades co que aprender sobre a lingua e cultura galega.