Galaxia anuncia a apertura dun selo 2.0 en Bos Aires

xoves, 19 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A Editorial Galaxia vai abrir filial de seu en Bos Aires, e con toda probabilidade será unha iniciativa con forte presenza nas redes e ferramentas da información. Baixo o nome de Mar MAIOR-Editorial Galaxia, o selo galego está a presentar a súa nova proposta como “a editorial dos galegos no mundo”, unha plataforma de difusión da nosa cultura que comezará a súa andaina a comezos do ano vindeiro en Arxentina. A nova foi dada a coñecer no transcurso do debate Tendencias organizado na Feira Profesional do Libro de Bos Aires, onde participou o director de Galaxia, Víctor Freixanes. O obxectivo deste debate, no que falaron libreiros, editores e distribuidores de ámbalas beiras do Atlántico, foi o de avaliar os retos e oportunidades que achegan as novas tecnoloxías e os novos procesos de produción e consumo cultural.
Ou sexa, que do que se trataba era de atopar, de xeito conxunto, camiños que leven ao sector alén da crise na que está mergullado (xunto a case tódolos outros sectores produtores, todo hai que dicilo), sen que isto (a concorrencia nos espazos 2.0) supoña de xeito inevitábel a perda de identidade, rigor e compromiso cultural. Dito doutra maneira: tratouse unha vez máis de facer compatíbel o pasado co futuro. O director de Galaxia amosou dous proxectos con potencial para seren aplicados noutros ámbitos e permitir a tódolos niveis o crecemento do sector: a Plataforma Dixital da Cultura Galega, no que se está a traballar xunto coa Universidade de Santiago e o Departamento de Informática da Universidade da Coruña, e máis o proxecto MAR MAIOR, unha plataforma de edición da cultura galega a través das redes sociais de galegos no mundo.

PUBLICIDADE