Galaxy XR: a resposta de Samsung a Apple Vision Pro xa é realidade

mércores, 22 de outubro do 2025 Redacción

A pasada madrugada Samsung presentou oficialmente o Galaxy XR, un dispositivo que inaugura unha nova categoría de produtos deseñados para a realidade estendida (XR) baixo a plataforma Android XR, desenvolvida conxuntamente con Google e Qualcomm, e que integra de forma nativa a intelixencia artificial multimodal de Gemini. O obxectivo: transformar a maneira en que as persoas interactúan coa tecnoloxía, fundindo o mundo físico e o dixital nunha experiencia fluída, intuitiva e inmersiva.
O Galaxy XR preséntase como un visor autónomo, lixeiro e ergonómico, deseñado para un uso prolongado sen comprometer a comodidade. A batería, separada do casco principal, permite reducir o peso do dispositivo (545 gramos sen accesorios adicionais) e mellorar a distribución da carga sobre a cabeza. A pantalla Micro-OLED ofrece unha resolución de 3.552 x 3.840 píxeles, cun campo de visión de 109 graos en horizontal e 100 en vertical, e taxas de refresco de ata 90 Hz. A isto súmanse sensores de seguimento ocular, cámaras de alta resolución para visión pass-through e micrófonos con tecnoloxía de formación de haces, que permiten unha interacción natural mediante voz, mirada e movementos manuais.
A integración de Gemini, o modelo de IA de Google, a nivel de sistema operativo é un dos piares do dispositivo. Esta IA multimodal permite que o Galaxy XR non sexa simplemente unha ferramenta que responde a comandos, senón un asistente conversacional que comprende o contexto visual e auditivo do usuario. Pode, por exemplo, recoñecer obxectos no entorno físico e ofrecer información contextual mediante o xesto de debuxar un círculo no aire, grazas á función Circle to Search de Google.
No plano das aplicacións, o visor é compatible co ecosistema Android e permite acceder a servizos como Google Maps, YouTube ou Google Fotos en versións adaptadas ao formato XR. Os usuarios poden explorar cidades en 3D, recibir recomendacións personalizadas mentres camiñan, ou transformar fotos e vídeos 2D en experiencias tridimensionais inmersivas. A reprodución de contido audiovisual tamén dá un salto cualitativo: as pantallas 4K e o son envolvente permiten ver películas ou eventos deportivos como se se estivese nunha sala de cine ou nun estadio.
No ámbito profesional, Samsung aposta por levar o Galaxy XR máis aló do consumo de contido. A compañía anunciou unha colaboración con Samsung Heavy Industries para empregar o visor en formación virtual no sector naval, así como unha alianza con Qualcomm para integrar a tecnoloxía Snapdragon Spaces e facilitar o desenvolvemento de aplicacións empresariais. Estas iniciativas buscan posicionar o Galaxy XR como unha ferramenta útil en contextos industriais, educativos e colaborativos, con capacidades para deseño 3D, edición audiovisual e traballo remoto.
A visión de Samsung para o futuro da realidade estendida non se limita ao visor, confirmando que está a traballar en novos formatos, incluídas lentes con IA integradas, en colaboración con marcas como Warby Parker e Gentle Monster (na liña do que Meta está a facer con Ray-Ban e Oakley), para chegar a un público máis amplo.
O Galaxy XR está xa dispoñible en Corea do Sur e nos Estados Unidos a un prezo de 1.799,99 dólares (estando tamén dispoñibles accesorios como unha funda de transporte, mandos de xogo e lentes graduadas que poden adherirse magneticamente ao novo visor).
Estamos ante unha resposta a Apple Vision Pro, que ofrece pantallas de maior resolución, un dispositivo cun peso bastante inferior (o Galaxy XR carga 545 gramos sobre a cabeza, mentres que Vision Pro pesa 750-800 gramos), unha boa integración da intelixencia artificial e un prezo moi inferior (practicamente custa a metade), todo sobre un novo ecosistema baseado en Android que aínda é toda unha incógnita (aínda que ten vantaxes como gozar oficialmente da presenza de YouTube e Netflix), o que pode parecer unha proposta de valor moi superior, pero terá que enfrontarse á realidade do mercado, pois este tipo de produtos seguen a ser de nicho (como aprendeu polas malas Meta coas reducidas vendas do visor Meta Quest Pro, que é moi semellante ao novo produto de Samsung).

Vídeo de presentación de Galaxy XR

Vídeo no que amosan como é unha sesión de demostración do novo produto de Samsung