Galego, catalán, éuscaro e valenciano colaboran para afianzarse na economía dixital

venres, 14 de xullo do 2023 S. P.

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acolle entre o xoves 13 e o venres 14 de xullo a primeira reunión en Galicia da iniciativa NEL (Nova Economía da Lingua), o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) centrado na nova economía da lingua que promove o Goberno de España, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A proposta do Estado ten por obxecto “impulsar a nova economía dixital baseada na Linguaxe Natural”, aproveitando o potencial de todas as súas linguas como factor de crecemento económico e de competitividade internacional en áreas como a Intelixencia Artificial (IA), a tradución, o ensino, a produción e divulgación cultural e a investigación e a ciencia.
NEL é un proxecto común e coordinado, cuxo obxectivo último é o desenvolvemento de recursos multilingües; en especial, a creación de modelos multilingües de texto, voz e tradución automática que poidan dar resposta ás necesidades da realidade social e estean en liña coa tecnoloxía actual, na que o multilingüísmo e a transferencia entre linguas xogan un papel crucial.
A participación neste proxecto común artéllase a partir dos distintos subproxectos relacionados coa lingua repartidos por distintos puntos da xeografía nacional. Así, a lingua galega está representada mediante a figura NEL NÓS, unha fórmula que parte do proxecto de investigación Nós (encomendado á USC pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e desenvolvido a través de CiTIUS e ILG); o éuscaro, por NEL GAITU (a partir do proxecto homónimo desenvolvido na Universidade do País Vasco); NEL AINA no caso do catalán (en marcha no Barcelona Supercomputing Center); e NEL VIVES, nomenclatura do proxecto no que traballa xa a Universidade de Alacante.
Todas elas participan esta semana nun encontro en Santiago que reúne a unha trintena de persoas das distintas institucións implicadas. A reunión ten lugar no Edificio Fontán (Cidade da Cultura de Galicia), sede do Proxecto Nós, e nela participa tamén Manuel González Bedia, director xeneral da Oficina do Comisionado para a Nova Economía da Lingua: “No plano dixital, a unión de todas as linguas é un beneficio para todos”, aseguraba este xoves pola mañá, engadindo que “traballar en común significa economía de escala: cada un dos ingredientes benefíciase de compasarse colectivamente co outro; iso parécenos moi importante, tanto no plano político como no técnico”, explicou. Así mesmo, González Bedia mostrouse optimista para futuros escenarios de financiamento, avanzando que “aínda que os instrumentos financeiros muden e non saian fondos asignados coa etiqueta de linguas oficiais, outras actuacións poderían reverter neste proxecto, como cátedras ou redes de excelencia en Intelixencia Artificial, xa que todas elas teñen asignacións concretas para tecnoloxías da linguaxe”.
O director adxunto do HiTZ Zentroa (Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua), German Rigau, incidía importancia de aproveitar a xanela de oportunidade actual no ámbito das tecnoloxías lingüísticas: “Hai cousas que van evolucionando lentamente, pero de cando en vez aparecen tamén revolucións, como está a suceder agora con ChatGPT. Ao cambiar o paradigma, as tecnoloxías teñen que cambiar tamén; hai moita tecnoloxía para inglés, pero non para éuscaro, non para catalán ou para galego, nin para outras moitas linguas que hai en Europa... e se non dispoñemos de tecnoloxía para estas linguas, a xente acabará usando as ferramentas que teña ao seu alcance”.
Pola súa banda, Manuel Palomar, director do Centro de Intelixencia Dixital (CENID) de Alacante, quixo poñer en valor a alianza das distintas institucións implicadas: “É imprescindíbel un proxecto destas características para favorecer as linguas de España e evitar a exclusión dixital, que neste momento está en risco; un consorcio cos principais centros de Galicia, País Vasco, Cataluña e a Comunidade Valenciana benefícianos a todos”.
Na mesma liña mostrábase Marta Villegas, responsable da da Unidade de Tecnoloxías Lingüísticas no BSC (Barcelona Supercomputing Center), ao afirmar que “o proxecto NEL, o que garante, e está moi ben, é que nos puxeramos de acordo para aliñar as diferentes linguas do Estado; podemos compartir recursos, estratexias, métodos... co cal, o resultado final será moito mellor; a estratexia que seguimos, sen dúbida, garantirá un éxito moito maior do que teriamos sen este proxecto, ou mesmo co proxecto, pero sen ir coordinados”.
No que respecta á situación do galego, a directora do Instituto dá Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández Rei, reflexionaba sobre o papel crucial do PERTE: “Segundo o último informe publicado no proxecto European Language Equality, o galego está practicamente no vagón de cola das linguas europeas, incluso tendo en conta as non oficiais. Un proxecto como este é un impulso fundamental para poder contribuír con recursos lingüísticos e novas tecnoloxías á mellora da situación do galego, e poñelo nunha situación de uso real, nas aplicacións que usamos a diario”.
Finalmente, Senén Barro reflexionaba sobre a importancia que o PERTE ten para o desenvolvemento do Proxecto Nós. Para o director científico do CiTIUS, “somos unha das linguas de Europa máis deprimidas tecnoloxicamente falando, e isto non é unha simple cuestión de estar ou non ao día, senón que ten fortes repercusións económicas, e mesmo afecta á supervivencia da nosa lingua. O feito de colaborar con outras comunidades que están a desenvolver proxectos equivalentes ao proxecto Nós nas súas respectivas linguas permitiranos chegar máis lonxe, mellor e máis rápido”. Ademais, quixo tamén destacar a relevancia que o PERTE ten para o propio CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC): “O CiTIUS, ademais de ser o centro de investigación de Galicia especializado en Intelixencia Artificial, ten nas tecnoloxías lingüísticas un dos seus ámbitos máis importantes de investigación e transferencia. Isto é importante para o centro, pero tamén para Galicia, xa que estas tecnoloxías son das máis importantes e impactantes no eido da IA, algo que resulta obvio sen máis que pensar en ChatGPT. Participar no proxecto máis importante de investigación en tecnoloxías lingüísticas de cantos están a desenvolverse en España é unha oportunidade única para seguir ampliando o noso potencial neste eido, axudar ao avance tecnolóxico do galego, e ao do conxunto de linguas de España. É un orgullo e unha gran responsabilidade”.

PUBLICIDADE