GalegoLab impulsa un novo proxecto para facilitarnos as cousas á hora de xogar en galego
venres, 15 de xuño do 2012
GalegoLab,
a plataforma dixital de iniciativas colectivas para promover o
galego, segue adiante na súa procura intensiva de espazos onde a
lingua xa non se le nin se escoita. Este labor de observatorio do
retroceso do galego vense de manifestar unha vez máis coa posta en
marcha de LEGA (Lecer Galego),
proxecto dirixido a achegarlle á sociedade da nosa terra recursos
lúdicos dixitais, xerando contidos baixo licenzas principalmente
libres que posibiliten a súa distribución e uso sen barreiras. E
todo, como dixemos, facendo fincapé nos ámbitos xeográficos,
urbanos case todos eles, onde o galego é xa unha anécdota.
O proxecto, do que daremos
máis detalles a semana que vén (con motivo da súa presentación en
Santiago, o xoves 12 ás 11.30 horas na Libraría Couceiro),vén da
man (entre outras/outros) de Xabier Seixo, o encargado do
desenvolvemento de LEGA. Por certo que a cita do xoves contará tamén
coa presenza de Carlos Ares e Cani Martínez, membros da xunta
directiva de GalegoLab.
Os proxectos cos que LEGA
bota a camiñar son os seguintes:
· Galegogym,
un CD de música galega, en Creative Commons, para facer fitness en
galego, que contou coa colaboración de artistas como GalegoZ, Zimmer
103 e Projecto Mourente.
· Astronomía básica,
un recurso de astronomía orientado a seareiros presentes ou futuros
da astronomía. “O proxecto”, informa GalegoLab, “consta
de material dixital de astronomía, unha guía de astronomía básica
e un DVD do sistema operativo Ubuntu en galego, totalmente funcional
para usos xenéricos, e modificado de tal xeito que se engaden tanto
programas de astronomía en galego de mapas e atlas celestes
(Stellarium e Cellestia)”. Tanto o software como navegador ou o
procesador de textos e o reprodutor de vídeo están completamente en
galego. Cómpre destacar
que é executábel
sen instalar. Astronomía básica
levouse a cabo en colaboración con Astronomía
na Beirarrúa, un proxecto xurdido
ao abeiro da Universidade de Santiago e do seu traballo por achegar
esta disciplina científica e investigadora á cidadanía, de xeito
lúdico e participativo.
· Xogos para
ordenador totalmente traducidos ó galego: polo de agora (e agárdanse
en breve máis achegas) Frozen
Bubble e Childsplay.
· Subtitulado ó galego
de Sintel, unha curtametraxe de animación desenvolvida pola
fundación Blender.
· Os recursos de todos
os proxectos rematados en GalegoLab estarán tamén dispoñibles para
a súa descarga.