Galicia Business School achega un seminario en liña gratuíto sobre a IA Xenerativa

martes, 7 de outubro do 2025 S. P.

O vindeiro 13 de outubro o centro de formación empresarial Galicia Business School, con sede na Coruña, celebra un seminario en liña e de balde sobre IA Xenerativa: A última revolución industrial. Será impartido por Javier Fuentes Ibáñez e dará comezo ás 13.00 horas.
Segundo informan dende Galicia Business School poñéndonos en contexto, a IA xenerativa está a marcar un antes e un despois na historia da innovación: “Igual que no seu día o fixeron a máquina de vapor, a electricidade ou internet, esta tecnoloxía converteuse nunha nova panca de transformación económica e social, cun impacto transversal en todos os sectores”.
Neste webinar gratuíto explorarase como a IA está a revolucionar a forma na que producimos, comunicamos, aprendemos e decidimos. “Desde as pequenas empresas ata as grandes corporacións, veremos como esta tecnoloxía redeseña industrias tan diversas como a sanidade, a educación, a comunicación ou a manufactura”, engaden dende a escola de negocios coruñesa.
Ao longo da sesión, porase o foco en cinco grandes áreas de cambio: máquinas que pensan (como os modelos de IA entenden, razoan e xeran coñecemento); máquinas que ven (visión artificial e xeración de imaxes ao servizo da empresa); máquinas que actúan (a unión entre IA e robótica na automatización avanzada), humanos e máquinas (colaboración, creatividade e toma de decisións compartida) e retos (desafíos éticos, regulamentarios e de adopción nesta nova era).
Javier Fuentes Ibáñez
Enxeñeiro e emprendedor, Javier desenvolveu a súa carreira no ámbito da consultoría tecnolóxica e a innovación. Tras máis de oito anos no sector da defensa e o ámbito aeroespacial, fundou Codeback Software e impulsou startups en edtech, fintech e Intelixencia Artificial. Actualmente, é socio en N Company, onde acompaña a empresas nos seus procesos de innovación.
Este seminario en liña forma parte do Programa Xeración Dixital Pemes: Equipos Directivos, unha iniciativa en colaboración con Grupo Isonor e dirixida a pemes galegas de 1 a 249 traballadores interesadas na transformación dixital, a innovación e a intelixencia artificial.
Este programa está financiado pola Unión Europea – Next Generation EU, dentro do Plan Nacional de Capacidades Dixitais e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial (SEDIA), e está coordinado por EOI.