Galicia Business School e Nuria Piñol mostran como acadar reputación en liña en tempos de IA
mércores, 17 de setembro do 2025
O vindeiro 3 de outubro o centro de formación empresarial Galicia Business School, con sede na Coruña, celebra un seminario en liña e de balde sobre Reputación online en tempos de IA. Será impartido por Nuria Piñol, chief growth officer (CGO) en ROI UP Group e docente en universidades e escolas de negocio en áreas vencelladas á Intelixencia Artificial aplicada á mercadotecnia, á reputación en liña e á mercadotecnia de crecemento.
Segundo informa escola Galicia Business poñéndonos en contexto, a IA está a transformar a día de hoxe como se constrúe e percibe a reputación online, “sendo a pegada dixital xenerativa un factor decisivo na visibilidade das marcas, nunha contorna onde os modelos de linguaxe marcan tendencias e condicionan que contidos aparecen primeiro”.
Neste seminario gratuíto, previsto para as 13.00 horas do venres 3, falarase de como o posicionamento da nosa marca (SEO) evoluciona cara ao GEO (Generative Engine Optimization), como os algoritmos priorizan a información nos LLMs e cales son os elementos que inflúen no novo posicionamento dixital. Ademais, compartiranse estratexias prácticas para mellorar a pegada dixital da nosa empresa e converter a IA nunha vantaxe competitiva.
Máis datos de Nuria Piñol
Nuria Piñol adoita a acompañar a pemes e startups en procesos de transformación dixital e innovación, achegando a súa experiencia en estratexia, xestión e aceleración empresarial.
A súa carreira profesional abarca máis de dúas décadas de experiencia en dirección de mercadotecnia e desenvolvemento de negocio en empresas de referencia como Istobal, Solvia Inmobiliaria, Banco Sabadell, Vantry World ou Pikolinos, ademais da súa etapa como xestora de produto en Inditex. Ao longo deste percorrido liderou proxectos de internacionalización, transformación dixital e posicionamento de marca, consolidándose como unha experta en estratexia, comunicación e mercadotecnia orientadas a resultados.
Este webinar forma parte do Programa Generación Digital PYMES: Equipos Directivos, unha iniciativa en colaboración con Valorea. Un programa dirixido a pemes galegas de 1 a 249 traballadores interesadas na transformación dixital, a innovación e a Intelixencia Artificial.
