Galicia Business School organiza este venres un seminario en liña sobre IA e deporte con Manuel Alonso Coto

mércores, 17 de decembro do 2025 S. P.

Galicia Business School vai celebrar este venres 19 de decembro, en formato online e de balde (e ás 12.30 horas), o seminario Transformación dixital e IA no negocio deportivo, a cargo de Manuel Alonso Coto. O webinario contará coa colaboración da Xunta, Deporte Galego e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, e porá o foco na fonda transformación que está a experimentar a industria do deporte impulsada polos datos, as plataformas dixitais e a intelixencia artificial.
Este seminario en liña explicará como estes elementos están a redefinir o modelo de negocio deportivo, pasando dun enfoque centrado unicamente no rendemento a un baseado en audiencias, experiencias e monetización dixital.
A sesión analizará como a relación co seareiro ou cliente volveuse omnicanle, personalizada e continua, e que implica competir nunha contorna onde o dato é o novo motor estratéxico.
Ao longo do webinar presentarase un mapa completo do ecosistema dixital do deporte, mostrando as súas principais verticais, clubs, fitness, marcas, retail e sport-tech, e as novas fontes de valor que están a emerxer, como Fan Data, Health Data ou Commerce Data.
Ademais, abordaranse modelos concretos de transformación dixital para cada tipo de organización: compromiso intelixente co seareiro, ticketing dinámico, modelos híbridos físico-dixital en ximnasios, personalización a escala en marcas deportivas ou omnicanalidade avanzada en retail.
Finalmente, explorarase o papel da intelixencia artificial como ferramenta clave para mellorar a eficiencia e xerar novas oportunidades de negocio.
Presentaranse casos reais de IA aplicada ao deporte, como predición de abandono en ximnasios, optimización de prezos en ticketing, recomendadores en comercio deportivo ou automatización de mercadotecnia.
O obxectivo é “ofrecer criterios prácticos para que os directivos poidan aumentar ingresos, fidelizar clientes e tomar decisións baseadas en datos nun sector que cambia a gran velocidade.”
Manuel Alonso Coto
Manuel Alonso Coto é experto en mercadotecnia dixital, comunicación e transformación empresarial, cunha sólida traxectoria tanto no ámbito académico como corporativo. Enxeñeiro Industrial e doutor en Ciencias Económicas, conta ademais cun Executive MBA e un Advanced Management Program. Desempeñou posicións de alta responsabilidade, entre elas xestor de estratexias de mercadotecnia dixital, ademais de traballar como adestrador tecnolóxico para o US Department of State e como enxeñeiro xefe de planta en AGRAPISA.
Actualmente, é director de mercadotecnia corporativa e educación executiva nunha prestixiosa escola de negocios, onde tamén exerce como profesor. A súa actividade profesional complétase co seu labor como conselleiro externo en empresas internacionais, socio fundador de Ideas in a Jar, asesor docente en IAB Spain e membro do Comité Executivo de Relacións Externas de UNICON. Autor de múltiples libros, é un referente na divulgación do marketing dixital e a comunicación empresarial.
En colaboración con da Xunta de Galicia, Deporte Galego e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar
Este seminario en liña forma parte do programa Xeración Dixital Pemes: Entidades e Empresas Deportivas. Este programa, lanzado por en colaboración coa Xunta de Galicia, Deporte Galego e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, formará a profesionais de toda Galicia en transformación dixital, innovación, intelixencia artificial e mercadotecnia dixital.
Financiado polos fondos Next Generation
Este programa forma parte do Plan Nacional de Capacidades Dixitais. Foi financiado pola Unión Europea – Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial (SEDIA) e está coordinado por EOI.