Galicia Encantada celebra 20 anos de travesía virtual mostrando a maxia da nosa terra
luns, 3 de febreiro do 2025
Unha páxina histórica da Rede galega, Galicia Encantada, está este mes de marzo de celebración. O vindeiro 5 de marzo de 2025, a web Galicia Encantada: Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia cumprirá 20 anos de travesía virtual. Galicia Encantada naceu en marzo de 2005, en palabras do seu creador, Antonio Reigosa, “aproveitando as posibilidades que ofrecía xa daquela a rede Internet, para comunicar, estudar, divulgar e preservar para o futuro o noso patrimonio oral inmaterial, centrándose especialmente na literatura de tradición oral”.
Reigosa engade que Galicia Encantada foi concibida desde os seus inicios “como un ferramenta interactiva e dinámica, colaborativa e aberta gratuitamente a todas aquelas persoas de calquera parte do mundo que tivesen interese en coñecer a nosa cultura oral. Recibiu e recibe milleiros de consultas”.
Desde os inicios publicáronse máis de 3.000 arquivos e contouse coa colaboración de varias ducias de colaboradoras e colaboradores que de xeito desinteresado foron achegando textos e notas de interese para os obxectivos da web.
Reigosa explique ao longo destas dúas décadas de andaina a enciclopedia galega do máxico foi consultada por milleiros de persoas de todo o mundo e foi usada como recurso didáctico para manuais escolares e nas aulas, tanto polo profesorado como polo alumnado de numerosos centros. Ademais, opera como arquivo documental para proxectos creativos moi variados, “desde o deseño de xogos baseados na nosa mitoloxía popular e na literatura galega de tradición oral ata traballos universitarios”.
O creador e coordinador do proxecto, o escritor e investigador, Antonio Reigosa, conta desde os inicios “co impagable apoio técnico” da empresa Desarrollos Lugonet e “coa excelente colaboración gráfica” de Noemí López. Nado en Mondoñedo en 1958, localidade da que exerce como cronista oficial, Reigosa é escritor, investigador e divulgador da cultura popular. Traballa como responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística Provincial de Lugo. Co-fundador de Chaira, grupo de Investigación Etnográfica, ten participado en proxectos de investigación sobre literatura oral. Tamén é coautor, xunto con Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, do Dicionario dos Seres Míticos Galegos (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral.
Galicia Encantada non contou nin conta con patrocinio de ningún tipo, nin público nin privado.
Sobre os contidos de Galicia Encantada impartíronse varios relatorios en diferentes xornadas e cursos de formación, e tamén foron publicados numerosos artigos e dous libros: Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres e dos lugares que a habitan e Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías. Este último volume foi lanzado en 2015 por Xerais e representa a conversión da web en formato libro, transmutando en papel unha parte dos documentos atesourados no sitio en liña durante este tempo, revisados e actualizados e “coa gozosa pretensión de compartir a marabilla dos mitos, lendas, ritos, contos e outros sucedidos, case sempre sorprendentes”.
Segundo engadiu Reigosa, estes e outros fitos rexistrados pola web que conmemora o seu 20 aniversario “poñen de manifesto o importante interese polo patrimonio inmaterial galego, pola literatura de tradición oral e polas posibilidades que para o eido do ensino e da cultura pode achegar a Internet”.