Galicia Nomeada énchese de microtopónimos coas importantes contribucións do noso voluntariado

mércores, 26 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

En decembro deste ano presentábase formalmente un relevante espazo web destinado a centralizar os nosos esforzos por compartir, visualizar e preservar a riqueza galega en materia de nomes de lugar: a plataforma Galicia Nomeada. Logo de dous meses de actividade e tal e como se agardaba (en parte polo interese de boa parte da cidadanía por reivindicar os nosos nomes, en parte polo propio empuxe da gran riqueza toponímica galega, á cabeza de Europa neste ámbito), só se pode falar de éxitos de repercusión e participación, segundo fixeron saber a axencia AMTEGA e máis a Real Academia Galega (RAG).
Estas son algunhas das cifras: máis de 4.000 topónimos introducidos polos voluntarios en 140 concellos e máis de 600 solicitudes de persoas con vontade de contribuír ao gran labor colectivo de xeorreferenciar todo o relativo á nosa terra. As ditas 4.000 entradas cómpre engadilas ás máis de 6.000 achegadas durante a fase de probas, principalmente microtopónimos todos eles.
En total, os microtopónimos rexistrados a través de Galicia Nomeada son xa 10.273, dos cales a gran maioría, uns 9.000, xa foron validados lingüisticamente polo equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que coordina e supervisa o labor xerado.
Cifras xerais
Todo o devandito súmase ao recompilado previamente polas entidades de poboación do noso Nomenclátor e aos máis de 430.000 rexistrados polo Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), que se centrou na recollida da microtoponimia, o que guindou unha cifra de 482.445. Segundo puidemos saber, a día de hoxe móstranse á cidadanía 291.406 nomes de lugar sobre a imaxe aérea de Galicia.
A aplicación toponímica
Galicia Nomeada inclúe unha aplicación colaborativa que permite recoller a microtoponimia, rexistrala, xeorreferenciala e difundila desde o novo Portal de Toponimia de Galicia. Opera de xeito cidadá e participativo, implicando á veciñanza dos nosos concellos no labor de rexistro, e vén con versión para Android e iOS, servindo de complemento á versión de escritorio.
Como usar Galicia Nomeada
A través dunha interface sinxela e intuitiva, a ferramenta permite introducir e localizar microtopónimos de forma individual, aos que se lle pode engadir unha imaxe, arquivos de son e vídeo (formatos MP3 e MP4) e textos explicativos, todo para favorecer, baixo supervisión dun equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG (que contrastará e verificará a súa existencia), achegas “de gran valor informativo ao xa rico patrimonio toponímico do país e referencia para os traballos da Administración pública, a investigación, o sector empresarial e a sociedade en xeral”.
Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto online, onde, alén dos seus datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar.

PUBLICIDADE