Galicia acada un dos seis novos vales de innovación da UE

martes, 17 de marzo do 2026 S. P.

Galicia vén de acadar un dos seis novos vales de innovación concedidos pola Comisión Europea en todo o continente. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, tras unha reunión de traballo cos socios europeos deste novo proxecto cun investimento de 14,3 millóns de euros.
O encontro, no que tamén participou a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, serviu para emprender a colaboración entre os 19 socios dos nove países europeos que participan neste proxecto baixo a coordinación da Xunta de Galicia.
Os 19 socios que integran o consorcio do val de innovación cuántica inclúen axencias rexionais, centros de investigación, universidades, clústeres industriais e empresas tecnolóxicas. En concreto, conforman o grupo a Xunta de Galicia (entidade líder), a través da Axencia Galega de Innovación, e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en representación de España; por Italia, a Regione Emilia-Romagna, o Clust-ER Innovazione nei Servizi, Politecnico di Milano e Orthokey Italia; por Portugal, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N) e o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL); por Finlandia, o TU Delft; dos Países Baixos, a Business Tampere e a Tampere University; de Francia, a Région Île-de-France, o CEA (Commissariat à l’énergie atomique), Teratec e Systematic Paris Region; polo Reino Unido, o Welsh Government; por Romanía, a Regional Development Agency West Romania (ADR) e a Euro Atlantic Diplomacy Society, e de Austria, o DCS Computing.
Os vales de innovación cuántica funcionan como espazos de colaboración nos que administracións públicas, centros de investigación e empresas, entre outros axentes, traballan para compartir coñecemento e infraestruturas, desenvolver cadeas de valor, impulsar talento e capacidades tecnolóxicas e crear diversas solucións innovadoras.
Así pois, o obxectivo é que o val rexional de innovación liderado por Galicia “contribúa á soberanía tecnolóxica de Europa, fortalecendo a posición comunitaria nun ámbito clave para o futuro”, informou o conselleiro, engadindo que “se busca acelerar a transferencia de coñecemento ao mercado e á sociedade, impulsar o crecemento de empresas de base científico-tecnolóxica e mellorar a formación do capital humano, facilitando que haxa profesionais cualificados”.
A Xunta de Galicia decidiu optar a esta convocatoria, denominada Ecosistemas Europeos de Innovación, “consciente” das fortalezas nun eido emerxente no que a nosa Comunidade se está situando con forza no panorama internacional. “O resultado é esta resolución favorable malia que ata agora só existían cinco vales de innovación en toda a UE”, engadiu Rodríguez.
O proxecto, coordinado desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, leva por nome EQUIVALEMT (European Quantum Innovation Valleys as Strategic Emerging Technology), terá unha duración de algo máis de catro anos, en concreto de 50 meses. A Comisión Europa achegará o 50% do financiamento necesario, mentres que as rexións implicadas completarán a outra metade. En total, o val de innovación cuántico estará formado por 19 socios de nove países: España (representado en exclusiva por Galicia), Italia, Portugal, Países Baixos, Finlandia, Francia, Reino Unido, Francia e Romanía.
O orzamento, que suporá un investimento de case 3 millóns de euros en Galicia, permitirá apoiar proxectos de startups, pemes e centros de coñecemento a través de convocatorias competitivas abertas para desenvolver aplicacións de tecnolóxicas cuánticas. En concreto, está previsto o lanzamento de tres liñas de axudas que permitirán probar tecnoloxías en contornas reais e acelerar deste xeito a súa adopción na industria.
Ademais destas liñas de axudas, prevense “actuacións encamiñadas a desenvolver o ecosistema cuántico europeo a través de tarefas de avaliación e análises, a cooperación entre rexións, formación e desenvolvemento de talento, apoio a novas firmas innovadoras e cadeas de valor tecnolóxicas e a elaboración de recomendacións de política pública”.