Galicia afianza o seu liderado en ciberseguridade aplicada ao transporte

xoves, 23 de abril do 2026 Redacción

A Xunta pretende consolidar o papel de Galicia como referente estatal en ciberseguridade vinculada á mobilidade e ao transporte dentro da súa estratexia de especialización tecnolóxica, que xa situou á comunidade na vangarda da intelixencia artificial.
A mobilidade, o transporte público e a loxística configuran elementos chave para o benestar social e a competitividade económica, especialmente en territorios con características como Galicia, marcada pola súa posición periférica, a dispersión poboacional e a presenza de amplas áreas rurais con necesidades de conexión terrestre. Así o destacou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na clausura do encontro Nexus Business celebrado en Vigo, «unha cidade de referencia en España no ámbito da mobilidade».
O Goberno galego entende que a intelixencia artificial e a economía do dato constitúen unha oportunidade sen precedentes para optimizar e xestionar o transporte, facilitar o seu uso e reforzar a seguridade. Neste sentido, defende que o presente e o futuro pasan por liderar estes ámbitos. Segundo explicou Miguel Corgos, xa están en marcha diversas actuacións estratéxicas, coordinadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, orientadas a vertebrar o territorio, achegar a cidadanía e mellorar o acceso aos servizos públicos.
Galicia encabeza a área de transporte do proxecto RETECH para impulsar un centro transrexional de innovación en ciberseguridade, o que «xa nos sitúa na vangarda e como referencia do Estado», sinalou o conselleiro. Entre as iniciativas destacan a creación dunha rede de seis laboratorios e centros demostradores —tres deles situados en Vigo—, a posta en marcha de 14 cursos de formación profesional e unha aula específica, campañas de sensibilización que xa chegaron a máis de dous millóns de persoas, así como programas destinados a reforzar as competencias no tecido empresarial.
O conselleiro puxo en valor a implicación da universidade, dos centros de investigación e da industria viguesa, especialmente vinculada á automoción, un factor que contribúe a posicionar Galicia como referente en ciberseguridade industrial e no transporte. Citou como exemplos o propio programa RETECH, a actividade do nodo colaborativo CIBER.gal e a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA).
Tamén fixo referencia a proxectos específicos no eido das tecnoloxías intelixentes aplicadas á mobilidade e á xestión territorial, como o Plan de transporte e mobilidade dixital e-mobility, que inclúe a plataforma MoBT para a xestión integral do transporte por estrada, ou o Programa Galicia Territorio Intelixente, que integra datos e servizos vinculados á información xeográfica, ambiental, forestal, aos sensores da Rede Galega de Internet das Cousas (iCousas) e aos vehículos non tripulados. Estas actuacións insírense nun conxunto máis amplo de iniciativas orientadas a «reforzar a posición de Galicia como referente en tecnoloxía, da man dos sectores implicados e en colaboración coas distintas administracións», concluíu.