Galicia celebra o empuxe dixital feminino no Día Internacional das Rapazas nas TIC

luns, 22 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Malia que a reivindicación da igualdade tecnolóxica sexa aplicábel aos 365 días do ano, este 25 de abril a celebración das contribucións dixitais femininas cobra especial protagonismo coa sétima edición do Día Internacional das Nenas nas TIC, unha data impulsada e coordinada dende a nosa terra polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) co apoio incondicional da Secretaría Xeral de Igualdade, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e GAIN, entre outras entidades e empresas da nosa terra.
Para quen non o saiba, é unha conmemoración que abrangue unha manchea de países e unha manchea de entidades comprometidas con motivar ás mozas a apostaren polas novas tecnoloxías como vieiro formativo, investigador e profesional. Por que motivo? Pois porque, por mensaxes erróneas e falsos estereotipos, o eido académico TIC non conta con todas as mulleres coas que debera contar para garantir un óptimo desenvolvemento tecnolóxico das sociedades, as empresas, as culturas e os países.
Para celebrar a vertente galega do Día Internacional dás Rapazas nas TIC participarán co CESGA (e no CESGA) catro mozas galegas representantes do noso tecido empresarial innovador e tecnolóxica: catro rapazas que investigan, traballan e emprenden coas TIC, que contarán cadansúa experiencia e responderán a todas as preguntas que se lles fagan desde os centros escolares (os centros conectados ao CESGA vía multiconferencia). Trátase das seguintes rapazas:
· Pilar Vila Avendaño. Enxeñeira informática, analista forense e perito xudicial informático. É directora executiva (CEO) da empresa Forensic-security.com, experta en ciberseguridade e integrante do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
· Sonia Valladares Rodríguez. Enxeñeira en Telecomunicacións pola UVigo, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de aprendizaxe máquina (Machine Learning), TIC e técnicas de ludificación na detección precoz da deterioración cognitiva.
· Mercedes García Rodríguez. Tradutora, desenvolvedora de software, co-organizadora de GalsTech e co-impulsora de 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots de conversa e comunicacións. É unha dos tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller en selo.
· Leticia Faria de Pazos. Licenciada en Administración e Dirección de empresas. Traballa no departamento de Desenvolvemento Empresarial Innovador en Tecalis (Ames) e é responsábel de marca de Signen KYC, quiosco dixital con sinatura online que emprega técnicas de seguridade avanzada mediante cadea de bloques, a tecnoloxía Blockchain.
Axenda de actividades
· 11:00-11:05 Benvida por parte da directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey Vilar.
· 11:05-11:10 Intervención da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
· 11:10-11:45 Transmisión por streaming do coloquio cos centros educativos. Visión e experiencia de catro galegas que traballan, emprenden e investigan empregando as novas tecnoloxías.
· 11:45 Intervencións de alumn@s dende os centros educativos participantes conectados.
· 12:15-12:30 Fallo do xurado das propostas gañadoras no concurso #ApuntasTech?
· 12:30-13:30 Visita didáctica ao corazón do Supercomputador Finis Terrae e obradoiros tecnolóxicos para as/os participantes na xornada.
· 17:00-19:00 Visitas didácticas ao corazón do Supercomputador Finis Terrae, talleres creativos e tecnolóxicos dirixidos principalmente a mozas e mozos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO: programación, Realidade Aumentada e Virtual, Impresión 3D, robótica maker, etc.

PUBLICIDADE