Galicia comparte a súa estratexia de IA no ensino co responsábel do informe PISA

xoves, 19 de decembro do 2024 S. P.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse este 19 de decembro en París co director de Educación da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e máximo responsábel do informe PISA, Andreas Schleicher, para presentarlle a estratexia da Xunta para despregar a Intelixencia Artificial no ensino galego, aliñada co mandato desta organización internacional, coa que busca impulsar melloras en eidos como o abandono escolar, a inclusión, a equidade ou a transformación dixital.
Fernández agradeceu a Schleicher o seu interese polo modelo galego e deulle conta das accións que está a levar a cabo o Goberno autonómico para avanzar no eido da IA con medidas como o deseño dun marco ético para o seu emprego, novas materias para formar ao alumnado ou a xestión académica a través do proxecto EdugalIA, que agarda poder iniciar en 2025.
En oitavo lugar
Coincidindo con esta visita, a Xunta lembrou que a Comunidade galega é, segundo o informe PISA, a oitava rexión do mundo cos mellores resultados en Ciencia, e sitúase por riba da media de España e dos países da OCDE en Matemáticas e Lectura. Ademais, “é líder en equidade, ao garantir a igualdade de oportunidades con independencia do contexto socioeconómico do alumnado”, explicou a Xunta, engadindo que “cómpre seguir formando aos estudantes para os desafíos do século XXI”. Nese marco, ten abertas numerosas liñas de colaboración, entre elas coa Organización de Estados Iberoamericanos (EOI), que acompañou este xoves 19 á representante da Xunta nesta reunión de traballo.
A Xunta tamén recordou que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en desenvolver materias vinculadas á IA co fin de reforzar as competencias STEM a través dos novos currículos”. Na etapa de Primaria implementouse un bloque específico na área de Ciencias Naturais; en Secundaria, a materia Tecnoloxía e Dixitalización, e en Bacharelato, a de Intelixencia Artificial. Tamén nas etapas de FP e a Universidade.
Na súa visita Fernández destacou o proxecto EdugaIA, unha acción que quere converter a Galicia na primeira comunidade autónoma en aplicar os beneficios da IA á xestión educativa coa finalidade de mellorar o servizo que presta, así como os resultados, a través de tres eixes de actuación que son a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta.