Galicia comparte recursos en capacitación TIC da cidadanía con outras seis comunidades

venres, 7 de febreiro do 2025 S. P.

A Aula CeMIT de Abegondo nunha imaxe de arquivo

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), vén de asinar un novo acordo coas Comunidades de Castela e León, Andalucía, Valencia, Navarra, Extremadura e Murcia para “desenvolver contidos e compartir recursos orientados á capacitación dixital da sociedade”. O convenio abrangue o compromiso dos sete gobernos autonómicos de “aglutinar esforzos” e e”vitar duplicidades para facilitar o acceso de toda a cidadanía á acreditación en competencias dixitais”.
Fontes de AMTEGA lembraron que o primeiro convenio, asinado en 2021, “foi clave en Galicia para o desenvolvemento da plataforma de certificación, así como para a elaboración dos contidos das probas para obter a acreditación en competencias dixitais”.
A axencia engadiu que este novo acordo establece catro espazos de colaboración entre comunidades: un para coordinar temas relativos á autodiagnose das competencias dixitais; un segundo espazo centrado na formación; o terceiro para as cuestións relativas á certificación, e un cuarto espazo para colaborar na promoción e difusión das competencias dixitais a través o intercambio de boas prácticas, eventos ou actividades divulgativas.
AMTEGA tamén recordou que Galicia “foi a primeira comunidade autónoma en adaptar a súa normativa ao marco europeo, creando o Marco galego de competencias dixitais, que acredita coñecementos en 21 competencias agrupadas en cinco áreas de dominio”. As acreditacións fóronse implantando inicialmente no ámbito educativo e no sector público autonómico e en 2024 convocáronse as primeiras probas para a cidadanía.
Para este 2025 están xa fixadas as probas para a obtención do certificado nos tres ámbitos e máis de 1.000 persoas estanse a formar no niveis de iniciación e intermedio que oferta a Rede de aulas públicas CeMIT.
No marco deste convenio, a axencia que dirixe Julián Cerviño sinalou que o 64,1% dos galegos” ten competencias dixitais básicas ou avanzadas e o obxectivo da Xunta é que esa porcentaxe se amplíe ao 70% en 2025”. Por iso, unha das últimas iniciativas que puxo en marcha a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia é un programa formativo de carácter gratuíto e 100% online para facilitar a capacitación en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos. O programa Formación Dixital, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation da Unión Europea), ofrece, neste momento, un curso de nivel intermedio, cunha duración máxima de 10 semanas con titorías personalizadas con especialistas.