Galicia contará coa primeira Lei de Cultura Dixital do ámbito estatal

mércores, 15 de maio do 2024 S. P.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou este martes 14 de maio no Parlamento a folla de ruta do seu departamento para os vindeiros anos, coincidindo de xeito significativo coas vésperas da celebración das Letras Galegas en homenaxe a Luísa Villalta. Tendo en conta esta circunstancia., propuxo iniciar un camiño de colaboración para proxectar a Galicia cara ao futuro. “Vivimos nunha Galicia que coñece, quere e usa o galego e na que a lingua é unha gran riqueza pola que debemos traballar desde a concordia e con liberdade”, subliñou.
No eido da dixitalización, o plan inclúe a elaboración da que sería, dixo, “a primeira Lei de Cultura Dixital feita nunha comunidade autónoma, que acompañará aos sectores culturais na imprescindíbel transformación dixital, o novo Centro Galego das Artes Dixitais, a creación de novos produtos ou a continuidade do Proxecto Nós”, impulsado dende a USC e a Secretaría Xeral de Lingua para facer realidade a plena actividade do galego no ámbito da Intelixencia Artificial.
Segundo apuntou, “tras os avances feitos nos últimos anos para impulsar o uso da lingua galega no ámbito da IA e para que os automatismos falen galego, a Administración autonómica seguirá agora afondando neste camiño coa creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil cos que favorecer os vínculos das xeracións máis novas coa lingua galega”.
López Campos anunciou o inicio vindeiro das obras do Centro de Artes Dixitais de Galicia, “un proxecto pioneiro en Galicia situado na Cidade da Cultura que permitirá aproveitar as oportunidades creativas do Gaiás xunto coa ventá de posibilidades que as tecnoloxías dixitais están ofrecendo como motor de desenvolvemento cultural e económico”.
Tamén no ámbito da dixitalización, o conselleiro informou da creación do Plan de Dixitalización do Patrimonio Cultural Galego, “unha ferramenta que pon a tecnoloxía e a innovación ao servizo dun dos nosos tesouros máis senlleiros mediante a xeolocalización, o 3D ou a Realidade Virtual co fin de favorecer un maior coñecemento da nosa riqueza patrimonial”.
Para acadar os resultados desexados neste Plan, segundo explicou, “xogará un papel fundamental o novo Observatorio da Innovación no Patrimonio Cultural, que ofrecerá unha foto precisa do gran potencial de Galicia neste eido”.