Galicia contribúe á transición dixital de Xordania
xoves, 9 de outubro do 2025
A Xunta, a través da AMTEGA, participa nun proxecto de cooperación da Unión Europea destinado a facilitar a transición dixital de Xordania mediante o fortalecemento do seu marco institucional e normativo en materia de protección de datos persoais e intelixencia artificial (IA).
A participación española nesta iniciativa está liderada pola AMTEGA e conta coa colaboración de Red.es, do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública, da Axencia Dixital de AndalucÃa e das universidades de Santiago de Compostela e Valencia, xunto con entidades de Alemaña e Grecia.
O director da Axencia galega, Julián Cerviño, participou desde o pasado luns e ata hoxe na segunda misión técnica do proxecto, celebrada en Amán. A contribución de Galicia céntrase no deseño da estrutura organizativa da Dirección de Intelixencia Artificial do Goberno xordano e na elaboración dun manual de procedementos que garanta a implementación ética, segura e eficiente de proxectos baseados en IA.
A achega galega a esta misión de cooperación susténtase na ampla experiencia da Administración autonómica en materia de transformación dixital, iniciada coas primeiras Axendas Dixitais de Galicia (2010–2014 e 2015–2020) e consolidada coa actual Estratexia Galicia Dixital 2030. Galicia foi, ademais, a primeira rexión europea en aprobar unha lei especÃfica para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial na Administración, que establece un modelo de gobernanza centrado na supervisión dos riscos, na protección dos dereitos fundamentais e nas persoas.
Este proxecto, integrado no programa NDICI–Global Europe, principal instrumento da Unión Europea para a cooperación internacional e o desenvolvemento, dispón dun orzamento de 1,6 millóns de euros e unha duración de 24 meses.
Os seus obxectivos principais son mellorar o marco legal e institucional de Xordania en materia de protección de datos e intelixencia artificial, mediante a adopción de normas aliñadas cos estándares europeos, establecer procedementos operativos eficaces, ofrecer formación especializada aos equipos locais e impulsar accións de sensibilización que promovan o uso ético da IA e o respecto polos dereitos fundamentais.
