Galicia demanda uns 1.300 profesionais dixitais

martes, 18 de xullo do 2023 S. P.

Estes días presentouse o Mapa de Emprego de Fundación Telefónica e nel reflíctese a imparábel dixitalización da sociedade e da economía e a importante influencia que este proceso exerce no mercado laboral das nosas catro provinciais. No caso da Coruña, hai 641 empregos dixitais sen cubrir, segundo o Mapa de Emprego de Fundación Telefónica. En Pontevedra rexistráronse máis de 470, en Ourense 90 e en Lugo 94.
O Mapa de Emprego baséase en tecnoloxías de análise da información a gran escala (Big Data) e en mecanismos de Intelixencia artificial (IA). Analiza as ofertas de emprego publicadas nos últimos tres meses nos portais Infojobs, Tecnoempleo e Ticjob, identificando e mostrando de maneira visual e interactiva esta información para debuxar unha fotografía da situación actual dos perfís e habilidades dixitais máis demandados por parte das empresas.
Por tipo de ofertas, na provincia da Coruña estanse buscando, entre outros, 139 profesionais técnicos TIC, 98 xestores de proxectos, 68 administradores de sistemas e 59 desenvolvedores de software.
O Mapa de Emprego reflicte como dixemos que no conxunto de Galicia hai 1.296 postos vacantes, o que a sitúa no grupo das comunidades autónomas con máis demanda de empregos dixitais, xusto por detrás de Madrid, Catalunya, Andalucía, Valencia e Euskadi. Por habilidades, no conxunto de Galicia a maior demanda é de profesionais técnicos TIC (287), responsábeis de proxectos dixitais (170) e administradores de sistemas (113).
O Mapa de Emprego, que para a clasificación dos postos ofertados utiliza a clasificación ESCO (Clasificación Europea de Capacidades, Competencias, Cualificacións e Ocupacións), pon de relevo o efecto que está a ter no mercado laboral a acelerada transformación tecnolóxica da economía, e a oportunidade que supoñen esas ofertas non só para os profesionais senón tamén para moitas persoas que estean dispostas a reorientar a súa vida laboral. “En España, a demanda de emprego TIC supón o 4,1% do conxunto das ofertas, unha porcentaxe lixeiramente inferior ao 4,5% da UE”, explícase no informe da Fundación Telefónica.