Galicia e Colombia afianzan as vías de colaboración no sector TIC

mércores, 18 de maio do 2022 S. P.

A Xunta mantivo este mércores 18 de maio un encontro cunha delegación da Cámara de Comercio de Bogotá e con varias empresas con sede en Colombia con vistas a afianzar vías de traballo en común entre Galicia e este país. A xuntanza, na que participou o conselleiro de Economía Francisco Conde, produciuse en resposta á misión comercial que o pasado mes de marzo o Goberno galego encabezou a Colombia acompañando a medio cento de empresas e clústeres da nosa terra. Na xeira de traballo deste mércores púxose o foco en sectores estratéxicos como o naval, o TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o aeronáutico ou o agroalimentario.
Así, durante a reunión celebrada na Casa de Galicia Madrid, o vicepresidente económico tivo ocasión de informar á Cámara de Comercio de Colombia do inicio das obras da Cidade das TIC na Coruña, que será unha realidade a principios de 2022 co centro de fabricación avanzada (4,8M€). Por outra banda, agradeceu á delegación colombiana que este país vaia participar na próxima edición de Navalia, que se celebra a vindeira semana en Vigo.
“Xa temos constituído un grupo de traballo xunto co Ministerio de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións para identificar elementos de desenvolvemento vinculados co sector da saúde e esa colaboración vaise estender á industria naval, porque haberá unha delegación de Colombia que visitará Navalia e iso vai permitir que esta industria forme parte desa axenda prioritaria de traballo”, sinalou Conde, quen trasladou á delegación colombiana e tamén ás nosas empresas “que Galicia segue comprometida ao cen por cento coa estabilidade e coa xeración dun clima favorábel para a actividade económica”.

PUBLICIDADE